Opinión

A pose do PSOE

Como galego aspiro a que tódalas forzas políticas asuman a defensa dos intereses de Galicia como eixo fundamental da súa actuación. Esixir o que nos corresponde como pobo, exercer un galeguismo integrador e ambicioso. Por eso confío en que o congreso do PSOE galego sirva para cambiar o seu rexeitable comportamento nas derradeiras datas e a que medre o seu peso dentro da estructura estatal. Pero o escenario non pode ser máis pesimista. Explícome. Tres exemplos, cruciais nunha estratexia política en clave de Galicia, de engano masivo ós galegos no derradeiro mes. Así, en materia de infraestructuras, o voto en contra ‘dos colegas socialistas de Madrid no Congreso’ (lembremos que dous cabezas de lista nas pasadas eleccións xerais eran, e son, ministroso coruñés Molina e a ‘ourensán’ Espinosa, un terceiro é o que controla o aparato en Ferraz e o de Pontevedra o presidente da Comisión na que se producíu a votación) para a creación dunha subcomisión que controle os investimentos do Estado en Galicia. Menu da papeleta para Touriño explicar o inexplicable do seu voto en contra. Sigamos, agora en materia de financiamento autonómico, coa postura do Goberno central pasando por riba dos criterios reclamados polos socialistas galegos -compartidos por nacionalistas e populares- esixindo que se contemplen variables como o envellecemento da población e a súa dispersión. Aquí o PSOE díce unha cousa e en Madrid mándano calar.


En terceiro lugar, pero non por elo menos importante, a postura do PSOE nacional, do Goberno, en contra dun acordo plenario unánime do Parlamento de Galicia, adoptado hai uns días, para a reforma da normativa electoral que permita o voto en urna dos residentes galegos no exterior nas vindeiras eleccións autonómicas. Aquí pedimos unha cousa -estando todos de acordo- e topamos co muro socialista en Madrid, co tan denostado rodillo.


O gravísimo destas situacións, queridos lectores, e que en tódolos casos Touriño -reelixido secretario xeral este fin de semana- sabía que a súa postura, e a do partido en Galicia, non ía ter éxito en Madrid. Coñecía perfectamente que tratábase todo dunha patética actuación cara a galería. Dicir unha cousa, vender un proxecto, a sabendas da negativa dos que te patrocinan e encargan da franquicia. Unha bulra, non negra, senón vermella. Moito me temo que o futuro do PSOE en Galicia seguirá por esta senda da POSE dado o seu pouco peso en Madrid. Están os galegos a descubrir o que agochan esas facianas de ‘ande eu quente e ríase a xente’. En realidade estánse a rir de nos.

Te puede interesar