Opinión

¿Qué trouxo Zapatero a Ourense?

Parece ser que ZP estivo en Ourense. Un mes e pico antes das eleccións. O acarrexamento de ’fieis’ en autobuses doutras provincias (supoño que non virían pensando cobrar xa os catrocentos euros da insultante medida electoral socialista) parecía deberse a algún estelar compromiso que asumiría o xefe de Pepiño Blanco. Hai catro anos anunciara en Ourense a creación dun ’instituto tecnolóxico do textil’ e nunca máis se soupo -velaí a forza da súa palabra- desa promesa zapateril. Apareceu unha hora máis tarde do anunciado e marchou a toda velocidade cara Vigo, onde cenou na máis estricta e reservada intimidade. Visto e non visto.


Ou sexa que pasou por Ourense pero non teño nada seguro que Ourense pasara por el. Porque non fixo referencia algunha a Ourense, non prometeu nada para esta cidade e para a nosa provincia. Cero zapatero. Falou como si estivera intervindo en Cuenca ou en Almendralejo ou en Mataró... Nin un guiño ós ourensáns, pasou por aquí como si non pasara. E alá por onde foi amarrou unha fama de gafe que espero se faga realidade en canto ós resultados electorais en Ourense. Porque, como saben, sempre fixo campaña a favor dos que logo perderon os comicios. Apostou en Estados Unidos por Kerry e gañou Bush. Fixo campaña en Francia para Segolene Royal e arrasou Sarkozy. En Alemania apoiou a Schroeder e resultou elixida canciller Angela Merkel. Elixíu a Miguel Sebastián para a alcaldía de Madrid e xa está fóra da política... Lembren que o único partido do eurobasket ó que asistíu foi á final, e perdeu España.


Veu a Ourense acompañado polo presidente da parte socialista do bipartito da Xunta e polos dous paracaidistas que impuxo para encabezaren as candidaturas ó congreso de Ourense e A Coruña. En concreto, polo que respecta a Ourense, entendo que viría a validar o nomeamento dixital da espinosa ministra de Agricultura. Unha espinosa ministra que se presenta cun currículum difícilmente superable, pois foi quen de levar a cabo a xestión máis nefasta da democracia para a agricultura, a gandería e a pesca de Galicia.


Non podían escoller como teloneiro de Zapatero a unha persona cun alcume como o que exerceu tal papel: ’el Follonero’. Todo encaixa. Zapatero chegou e víu -o de vencer en Ourense teno imposible-. Xogará, no mellor dos casos, para empatar e xa sabemos o que lles pasa ós equipos que salen a empatar. Tivo a oportunidade de presentar algunha proposta concreta, unha actuación pensada por e para Ourense, e adicou o seu tempo a frases grandilocuentes e xeralidades sen reflexo presupostario. O presidente que sigue amparando á ministra que máis dano fixo a Galicia na historia e que nos ofreceu unha lexislatura chea de inseguridades, mentiras, inestabilidade e parálise. ¿Qué trouxo Zapatero a Ourense? Permítanme dicirlles que ’Zólo Palabrería’.

Te puede interesar