Opinión

Itinerario ambiental pola beira do Miño

Neste interesante percorrido se fará unha ruta ó longo do todo o paseo fluvial dende a Aula da Natureza do Miño, situada en Oira, ata as termas de Outariz onde, unha vez atravesada a pasarela peonil trazada sobre o Miño, se inicia o retorno a traveso do paseo das Ninfas, o parque entre pontes, a desembocadura do Loña para rematar no salto de Velle. O Miño, como arteria vital da cidade, discorre placidamente baixo as diversas pontes que comunican as dúas partes máis poboadas da cidade; isto é Ourense e o antigo Concello de Canedo. Ambas marxes do río constituíron, dende sempre, un dos paseos preferidos polos cidadáns da capital e amantes da natureza. Dun tempo a esta parte, de modo conxunto entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Ourense habilitáronse ambas marxes do vello Miño convertendo unha zona, dende sempre moi deteriorada  no que hoxe é gratamente visible de xeito satisfactorio. 


A zona recreativa de Oira constitúe un importante lugar de lecer tanto pola súas instalacións deportivas como de ocio sendo moi frecuentada polos ourensáns especialmente no periodo estival. O tramo comprendido entre as termas da Chabasqueira, Tinteiro e Outariz quizais sexa o máis transitado tanto polos camiñantes que queren reducir o seu nivel de colesterol como por todos aqueles turistas que nos visitan debido fundamentalmente á forte atracción que exercen estas populares fontes termais.

OUTROS MANANCIAIS
As Caldas da Chabasqueira ou “Baños do Bispo” naceron gracias ó mecenado do bispo, más tarde cardeal, don Pedro Quevedo e Quintano, segundo se documenta entre os anos 1845 e 1853. Abertas  no ano 2001 viñeron a substituír a unhas vellas pozas de pedra existentes neste recinto, moi concorridas por aquelas bañistas afectados de diversas doenzas: reuma, artrite e afeccións de pel. 
Moi cercano se atopa o manancial e fonte do Tinteiro, moi coñecido na cidade por gozar de xusta sona nos tratamentos contra as doenzas relacionadas ca pel, eccemas, psoríase, sendo de gran utilidade igualmente o emprego das augas nos trastornos gástricos e nos tratamentos bucodentais. 


O muíño “O Porto”, situado na confluencia do regato do seu nome co Miño, é unha construcción típica das denominadas como “muíños de palas circulares”. Outra das características deste muíño, aparte do seu propio valor etnográfico, o constitúe a presencia de auga quente a 60 grados, sendo a súa composición: bicarbonada, sódica, ademais de fluorada e litínica. Nas veciñas termas de Quintela, máis coñecidas como de Outariz, se sitúa o complexo público termal que conta con seis piscinas ó ar libre ó que se suma o centro termal de iniciativa privada, de clara inspiración xaponesa, tanto polo seu estilo de baño, como polos sistemas do seu deseño construtivo de tipo oriental. 
As características da auga son similares ás existentes no cercano muíño do Porto, sendo especialmente recomendadas o seu uso nos tratamentos contra as enfermidades como reuma, artrite e diversas infeccións. 

A VEXETACIÓN
Un punto e aparte o constitúe a posta en valor da vexetación do entorno do río formada polo bosque de ribeira repartido nun estreito corredor verde estendido ó longo de ambas ribeiras. As illas do Miño son o resultado da acumulación de sedimentos que transporta a propia auga. Estas illas son fundamentais para o desenrolo tanto da flora como da fauna da zona sendo ó mesmo tempo uns espacios especialmente valiosos para a propia conservación da biodiversidade desta zona.

Te puede interesar