Opinión

PEQUENO XARDÍN DO PADRE FEIJOO

Os sete campos que cinguen a cidade de Ourense -Xardín do Posío, San Francisco, Padre Feijoo, Parque de San Lázaro, Alameda do Cruceiro maila do Concello- tiveron destinos diferentes ó ser orixinariamente fincas, viñas ou pasteiro de gando.


A zona centro da cidade, ademais de estar ocupada polas casas da veciñanza, se rodeaba de espazos ocupados por viñedos e diversas árbores de froitos. Esta circunstancia, a traveso do paso do tempo, permitiu o desenrolo da futura cidade de Ourense. Así mesmo estes campos comúns serviron no pasado como lugares de concentracións de carácter público, como o caso da Alameda do Concello ou de lugares de mercado e feira como o Xardín do Posío ou o Parque de San Lázaro. Todos eles, tralo transcorrer dos séculos, deron orixe ca súa lóxica evolución ós lugares actuais de expansión que, sumados a outros de máis recente creación, permiten o diario disfrute de todos os cidadáns da capital das Burgas.


O cativo xardín do Padre Feijoo ten a súa orixe no ano 1439, nun solar ocupado antano por hortas, segundo o acredita un vello documento da época que fai referencia á cesión do mesmo por parte do rexedor real, García Espinosa, á súa muller Costanza González, namentres viva, consistente nunha 'cortiña', horta na que abundaban olivas conxuntamente con árbores frutais e legumes, situada fronte da Fonte do Bispo.


No transcurso do século XV e XVI, á súa beira existía un peto de ánimas ademais dunha cativa capela baixo a advocación da Nosa Señora do Perpetuo Socorro, todo elo moi preto da porta coñecida como Fonte do Bispo ou do Rei, construída polo bispo Trizio de Arenzana, o mesmo que edificou a capela do venerado e querido Santo Cristo. Máis tarde, xa co xardín construído, de xeito concreto no ano 1876, se ergueu a estatua en bronce do insigne polígrafo, oriúndo de Casdemiro, parroquia de Santa María de Melias, pertencente ó Concello de Pereiro de Aguiar, o ilustrado representante da orde relixiosa dos agustinos, o culto padre Benito Gerónimo Feijoo e Montenegro, sendo obra do escultor barcelonés Juan Sales e Dalmón, ergueita con ocasión do segundo aniversario do seu nacemento.


O pequeno parque popularmente coñecido polo seu diminutivo de 'jardinillos' ten unha superficie aproximada duns 1.080 metros cadrados. que se reparten entre o espazo correspondente ó propio monumento que preside o cento do recinto, totalmente rodeado por unha varanda metálica, mailas cinco zonas axardinadas do seu entorno, ás que se suma dous gabias circulares que dan asento ós altos magnolios; as zonas de paseo, maila pequena caseta-alpendre para gardar a ferramenta, situada por riba dos servizos hixiénicos.


Evónimos, evónimos do Xapón, hortensias, cimbro chinés, cedros, magnolios e plátanos, mesturados con outras variedade menos abundantes de plantas, se reparten nesta superficie verde de forma semicircular.

Te puede interesar