Opinión

Nada é igual

Segundo o dicionario da RAG, profesión é o traballo que unha persoa realiza normalmente, para o que está preparada e polo que recibe un soldo. Así, xa o ven, hai centos de profesións con milleiros de profesionais nesta Galicia de xente traballadora. Uns ben retribuídos e outros mal pagados, en calquera das profesións nas que se poida traballar. Os profesionais exercen o oficio, a súa profesión e agradecen ter a posibilidade de vivir e de axudar á formación da mocidade para que poida ter unha profesión con traballo.

A formación é imprescindible e os profesionais deberán posuír capacidades para destacar no seu labor e para converterse en expertos no entorno dixital. Os traballadores vivirán, a partir deste momento, nun mundo absolutamente virtual. Terán os seus datos na nube e alí estarán todos os recursos necesarios para que o sistema informático accione e funcione. Estamos dentro dun complexo enorme e pequeniño ao mesmo tempo. 

A formación, dicimos, é necesaria e converte a docencia nunha das profesións máis demandadas, de modo especial daquelas disciplinas orientadas á formación en novas tecnoloxías, programación, deseño, modelos 3D, imaxe e marketing. No entender de calquera home ou muller dunha idade mediana, xa non quedan profesións, non quedan oficios e non hai xente para traballar, como se traballaba. A deus grazas!

Os traballadores máis solicitados durante o 2022, ao ver que o ordenador era como unha extremidade máis do corpo humano e, xunto cos outros dispositivos móbiles, unha ferramenta necesaria para o labor no eido social, académico, de investigación e de ocio foron aqueles que sabían e entendían de desenvolvemento de software. Moito traballo e moito negocio.

Os médicos e persoal de enfermería tamén tiveron moito traballo e, con todos os relacionados co ámbito sanitario, son profesionais que seguirán sometidos á presión da demanda, aínda que a ciberseguridade e a intelixencia artificial poidan axudarlles. Pero na clasificación dos que teñen máis traballo hai que incluír, en lugar preferente, aos mozos de almacén, aos vendedores e aos condutores de reparto. 

Isto non hai quen o entenda. Nada é igual. Xa o dixo a Tía Manuela- “na miña acordanza, profesionais de prestixio dedicábanse temporalmente á política e agora fixeron dela unha profesión”. Vaiche boa!

Te puede interesar