Opinión

Navegando en soños

Só os ricos poden cear ben e sen embargo, permitirse non soñar, non necesitan ese pracer

Nesas primeiras horas do ser do día, cando un soña e esperta co recordo do soñado aínda recente e firme, ese recordo, é tan real coma o daquilo que viviches hai tempo. Sabido é que un recorda non o que quere e cando quere, pero si como quere aquilo que lle ven á mente e faino dun xeito que afecta, senón á realidade, á verosilimilitude do recordado; ás veces, mesmo á súa veracidade por moi real que sexan o recordo e mailo concordante co vivido. Pero que pasa co soñado? Case que sempre é inverosímil. Pero case que nunca deixa de ser verdade. Entón porque han ser máis certos os recordos ca os soños.

Este mencer volvín soñar que navegaba. Había ben anos que non regresaba ó mar nin sequera desa forma. A miña mente construíu, pola súa conta, fermosas paisaxes por min nunca contempladas, un barco no que nunca naveguei, malia que o recorrese de quilla a cofa con precisión e sen dúbidas; tamén xentes ás que non coñecín cos que compartir a aventura que daquela era o arte de navegar baixo ceos cheos das rutilantes estrelas que cheguei a coñecer polos seus nomes, hoxe esquecidos a maior parte deles.

Ó espertar e comparar o soñado co xa vivido puiden constatar que o que se comezou afirmando hoxe seguía sendo certo. Tan real era a recente navegación como real foi a fermosa singradura á que me empuxou a miña mente. En que medida interveu a miña vontade? Coido que en moi escasa, cando non nula. Que pasa logo? Cal é xa que non a máis certa, si a máis real das dúas navegacións?

Non me atrevo a sinalar co dedo, sempre me advertiron que facelo é de moi, pero que de moi mala educación; case que peor que chiscar coa lingua mentres comes ou facelo coa boca aberta, remoendo a comida como unha marela puidera remoer unha mazaroca de millo seco, unha mazá reineta, calquera cousa que lle produza pracer pois, xa se sabe, o pracenteiro é case sempre pecaminoso... tal e como nos ensinaron. Non nos advertiron de que, pracer que non queira un rico, xeralmente non é pracer. Soñar pode ser un pracer, pero tamén unha condena. Todo depende de si ceaches moito ou pouco.

Se isto último é certo, a vida élles un continuo contrasentido. Só os ricos poden cear ben e sen embargo permitirse non soñar. Non necesitan ese pracer. Non soñar, nese caso, é ter pesadelos dos que se espertar suando e cheo de medo. Soñar élles un pracer dos desfavorecidos da fortuna. O rico so pensa en selo máis, a despeito do considerado prudente e necesario. Calquera diría, en vista delo, que ser probe sexa unha fortuna. O pobre pode soñar. Estando esperto pode construír mundos e habitalos, vivir máis vidas das que o común da xente vive. Ah, que feliz e bonita vida a do pobre! Calquera diría que selo, que ser pobre, constitúa un privilexio. Pero xa se advertiu que a vida élles un perenne contrasentido, só os soños dos ricos adoitan facerse certos de xeito que a realidade deles sexa distinta da do resto. E así andamos.

Te puede interesar