Opinión

Chorar sen bágoas


Rachar unha vida… Esnaquizar a existencia de millóns de ucraínos e algúns milleiros de rusos. Iso é o que está a acontecer nos territorios das extremas europeas que están en guerra.

Vivir como toupeiras e correr como coellos perseguidos polos cans do cazador. Ser testemuña do esborrallar do fogar e da desaparición do sustento. Esa é a realidade tráxica de centos de miles de cidadáns e refuxiados. 

Ver morrer o teu carón parentes, amigos,  veciños. Sentir a fame, a sucidade, a escuridade, o fedor da morte que abrangue a todos  e a todo.

Abondosas bágoas, xemidos en silencio co son de fondo dos estoupidos das bombas… Chorar por dentro, saloucos silenciosos.

Ollar estragos e farrapos. Valorar un anaco de pan lembrando a bola enteira que pousaba na mesa da cociña. Desexos de retornar ao pasado de nenos, mulleres e homes...

Cansazo, medo, incerteza. Non saber se hai futuro e agardar calado á da gadaña. Tiros que non se identifican como propios ou alleos. Sempre son tiros, morte.

Fora do toco rúas inzadas de cascallos e cristais. Ferros retortos e regos de auga correndo sen proveito. Lumes aquí e aló, esqueletos de coches queimados. E de súpeto unha maleta… Non, dúas maletas abeirando a dous corpos en posturas raras. Fuxían sen coñecer que tras deles voaba a morte disfrazada de mísil, deixando a terra ferida en forma de cono invertido preto dos cadáveres, que xa non se moven entre a desfeita.

Soa unha sirena na distancia. Semella ser a queixume da cidade e anuncio de que a vida se detén ou comeza de novo. 

Alguén agarda  novas de vitoria nun cómodo pazo sen importarlle o prezo. O importante é a vitoria, gañar… Gañar que cousa? É imposible comprender que razóns hai máis poderosas que a vida das persoas. Pode ser o poder dos tiranos apoleirados na incomprensión e o silencio do pobo que non sofre.

Silencio… O corpo vólvese pesado baixo a dor da alma. O sangue enchoupa a Historia.

Te puede interesar