Opinión

Diáspora

Emigrou… non para vivir aventuras, se non por pura necesidade, para acadar un modo de vida. Outros parentes xa emigraran antes.

De primeiras botaba de menos todo, por exemplo a falla do sol, ver o ceo despexado, por que naquel país poucas veces lucía o sol. Ata tal punto sentía morriña que pensou varias veces en retornar. Botaba de menos á familia, aos amigos e sobre todo a comida. Despois de compartir cuarto con outros compañeiros mellorou algo de vida. Xa comprendía algunhas palabras do idioma e vivía mellor ocupando un pequeno apartamento con outros dous veciños do pobo. Na fábrica facía o que lle mandaban, mesmo barrer o chan. 

De feito gozaba cando viña de vacacións á casa natal. Traía uns aforros e roupa nova, e presumía de ser alguén necesario no lugar de traballo. 

Tempo despois coñeceu a unha paisana divorciada, tamén emigrante, e principiou a saír con ela os domingos. A muller era dous anos máis vella ca el, e tiña unha filla de pouco máis dun ano que deseguida soubo amala. Daquela xa estaba afeito o novo país. Non pensaba no retorno. Pero permanecían no seu maxín os pais e as festas do verán durante as vacacións.

 Casou civilmente coa veciña e alugou un apartamento pequeno para os tres, a parella e a filla da muller. Esta quedou preñada deseguida e pariu un fillo varón que trouxo moita ledicia á familia. Pasaron os anos e os nenos expresábanse no idioma do país de acollida e algo en castelán. Polo verán viñan de vacacións o pobo nun coche matriculado na diáspora, e compartían cos pais uns días de lecer.

Pero xa non era o mesmo. Na terra natal había boas estradas. Nas casas, mesmo nas vellas, todas as comodidades; os veciños tiñan coches novos e comían variado todos os días. Todos melloraran notablemente e non había que baixar á corte a facer de ventre.

Entón decidiu seguir traballando e agardar pola xubilación. No estranxeiro vivíase mellor, tiñan máis dereitos sociais e todo era máis ordenado… pero apenas lucía o sol.

Te puede interesar