Opinión

Fillos

Hai uns días, mentres me acubillaba nun portalón da desexada chuvia, puiden escoitar a conversa que mantiñan dous paisanos  antes de que escampase. O que estaba no uso da palabra, nese momento, dicíalle o outro: 

-Póñoche un exemplo. Os meus avós tiveron unha grea de fillos, quince en concreto. A miña avoa pasou boa parte da vida preñada ou dando peito. Claro! Non había os adiantos que hai hoxe e algúns morrían novos! Os meus tíos emigraron segundo se ían facendo grandiños. Os que quedaron na aldea tiveron dous ou tres fillos. Os netos dos primeiros, nós, temos un ou dous, e os nosos fillos non teñen ningún, pese a que viven hai tempo emparellados…

-É certo, nacen poucos nenos e nótase ben. As aldeas están sen xente. Só vexo cativos nas rúas polo verán. Non sei onde imos parar... 
-interveu o outro-.

-Este ano seica descendeu o número de nacementos, e moitos dos nacidos foron grazas ós emigrantes.

-Seica si!  Pero, onde está o remedio? -preguntou o segundo.

-Só hai  un, e pasa polas mulleres! Que o Estado as coide máis e as axude no laboral, no económico e no social. Pero non é doado que este decidido a facelo. Polo tanto  falta traballo, conciliación laboral, subvencións dabondo ás nais e consideracións privilexiadas á muller. Ademais de seren nosas compañeiras son as nais dos nosos fillos, e as que fixan poboación. Aí está o detalle! E se non, a extinguírmonos en poucos anos e deixar que os nosos países sexan ocupados por outras xentes que teñan máis futuro e máis interese.

Esta conversa, que se desenvolveu aproximadamente neses termos, deume que pensar. E pensei no reto demográfico. Entón pregunteime: Que será dentro de cincuenta anos dos nosos netos? Continuarán a ser galegos? Que serán?  Vivirán no primeiro mundo? Que idioma falarán? Que nivel de vida será o seu?

Coido que todo o anterior xustificaría un debate en profundidade nos Parlamentos Autónomos, nas Cortes Españolas e mesmo no Parlamento Europeo, por que este é  un verdadeiro problema, común aos países máis sobranceiros de Europa.

É certo! Que será da Cultura europea e como serán os novos europeos? O sistema de pensións será sostible? Cal será o papel económico de Europa?...

Difícil responder a todas estas preguntas. Mais non podo ser optimista á vista do desinterese actual. Son moitos os temas lexislativos que se tratan nos Parlamentos, pero ninguén da importancia ás devanditas preguntas. Non se poden pechar os ollos á evidencia. A tendencia estatística é a que é. Individualmente non podemos facer nada, mais tampouco podemos permanecer calados ante os incendios, o cambio climático, a guerra, as pandemias, ou a falta de nacementos no primeiro mundo… Onde vai parar todo isto? E mentres vemos escolas abandonadas ou  a existencia de tres universidades ou tres aeroportos operativos na nosa Terra. Haberá entón estudantes e viaxeiros dabondo?

Te puede interesar