Opinión

Loita e sosego

Overán non se entende como tempo de sosego. Aprovéitase para viaxar, cumprir deberes aprazados… En fin, rachar coa rutina do resto do ano e dáselle pouco valor o termo acougar, pese a que o verbo “descansar” é o máis utilizado nas nosas conversas. Aseguramos que imos de vacacións para descansar, que imos á praia ou á montaña para descansar…

Mais un día do verán, un día de lecer, dedicámonos a camiñar polo monte. Abraiámonos coas ringleiras de formigas que van e veñen sabe Deus de onde… detémonos a mirar cousas que o resto do ano non ollamos. Ese día sentimos o sosego, a paz que os outros dias negamos. Pensamos entón que a existencia non é se non a repetición do que xa vivimos antes, nada extraordinario ou novo. Iso si, visto con sosego.

E dedicámonos a gozar do día de verán sen saírmonos do ordinario, saboreando as pequenas cousas que dan a felicidade sen balbordo. Son cousas que un día desaparecen e con elas podemos desaparecer nós. Por iso temos que inverter en lembranzas positivas, gozar mentres somos quen de sacarlle partido a aquelo que nos gusta: vivir.

O sosego é a felicidade inconsciente. Sen el o corazón batería con máis forza, como para unha nova loita, loita que sempre ha de existir, pero que corresponde desenvolvela no momento axeitado.

Por que sosego e loita son facianas da mesma vida. Non podemos experimentar só sosego nin só loita. Precisamos cada cousa o seu tempo, cada idade tira polo seu. Por iso, compre vivir a vida con intensidade. 

Te puede interesar