Opinión

Mariñeiro

Fora mariñeiro durante corenta e tantos anos, Miraba todos os días e noites para o ceo, un ceo inzado de estrelas. Algúns días non vía nada, estaban cubertos de nubes; outros agasallábano con claros, e albiscaba a luz da lúa ou do sol. Pero tamén había noites nas que o ceo estaba totalmente cheo de estrelas como se foran illas do mar.

O mar tiña illas e o ceo estrelas. Mar e ceo, illas e estrelas, así pensaba. E pasaba os días indagando como chegar ás illas do ceo, por que as illas da terra, as do mar, estaban todas ocupadas. Sabíao ben, durante máis de corenta anos visitara no seu barco remotas insuas salpicadas aló, no extenso mar.

Unha noite, mentres ollaba con arroubo o ceo estrelecido, arrollouno un carruaxe quedando estomballado no chan. Lonxe de laiarse, principiou a camiñar cara ás illas do ceo. Sentiu como abandonaba o corpo físico e como ascendía na negrura da noite en dirección a aqueles puntos brillantes do firmamento. Mais canto máis ascendía, máis lonxe e distantes estaban os luceiros. Non soubo canto tempo pasou. Por fin chegou a unha desas illas brillantes que albiscaba desde a terra.

Pousou os pés na superficie daquel lugar e principiou a camiñar. Estaba ledo, pero despois de dar moitos pasos e dunha morea de tempo non atopou a ninguén. Buscaba con quen entenderse e falar; preguntar como se chamaba aquel lugar, atopar un pobo, unha casa ou unha cova, pero non atopou ningunha. Finalmente decatouse que aquela luminosa illa do ceo non estaba ocupada por ninguén. O que sentiu despois foi que a friaxe lle calaba ata a cerna dos ósos.

Entón desexou regresar xunto aos seus, retornar ás illas do mar, na terra, xunto a xentes e persoas coma el. Sen decatarse de que xeito regresou; acordou estomballado na rúa, preto do carruaxe que o atropelara. Non presentaba feridas nin sentía dor. Abeirándoo, estaban media ducia de persoas que se preocupaban pola súa saúde.

Agora tornaba sentir calor. A calor da xente que o abeiraba, que miraban por el.

Te puede interesar