Opinión

O tempo

Moitos din que o tempo é ouro. Eu penso que aínda vale máis que o ouro. Non é o mesmo “andar ás presas” que “ter tempo para facer o que un queira”. A verdade é que con presas non se fan ben as cousas. 

Lembro a aquel coitado “tuareg” que cando lle preguntaron que lle parecía a gran cidade, respondeu: “ Vós tendes reloxos, eu teño o tempo”. Para min esta frase é toda unha filosofía de vida.

Con frecuencia andamos a escape, e utilizamos a desculpa do tempo:

-Teño unha hora para xantar. Levo presa, xa falaremos…

-Vou buscar os nenos a “inglés” que saen dentro duns minutos. Xa falaremos…

-Ando con presa que me pecha o “banco”. Xa falaremos…

As boas intencións, se as deixas pasar, poucas veces se acadan. Andamos afogados polo tempo e cronometrados polo reloxo. Sorte dos que teñen tempo para todo e que son quen de asumir novas obrigas. Tampouco se trata de aquelo de que “só lle falta tempo a quen non é quen de aproveitalo”. Por iso acreditamos o seu valor, pese a que hai persoas que se aburren e non saben en que distraerse… co importante que é ter tempo para agardar ilusionado, esperar unha nova xeira ou ver como prospera algo… Pola contra, cando pasou o momento dicimos que “foi unha mágoa non ter tempo para facer tal cousa”.

O tempo é fuxidío, vaise nun instante para transformarse en pasado. Por iso convén planificar o futuro e darlle valor, vivir intensamente o presente que mude nun pasado que se lembre con ledicia. O meu amigo Emilio di que “segundo que se vai, segundo que non volve”.

É por iso que digo que uns minutos da vida non poden pagarse con ouro. Precisamos tempo para vivir, tempo para pensar e sobre todo tempo para sentir e emocionarse.

Te puede interesar