Opinión

Falacias e verdades sobre a residencia

Hai un proverbio que di que unha verdade a medias é unha mentira completa.

O Partido Popular tenta impor o seu relato sobre as razóns polas cales o pleno do Concello non deu (aínda) luz verde para o cambio de cualificación da antiga parcela da estación de autobuses para a construción dunha residencia de maiores.

Todo o mundo sabe que as macrorresidencias non son o noso modelo, que nós queremos titularidade e xestión pública directa e que as infraestruturas, no canto de ser financiadas pola iniciativa privada, sexan costeadas polas administracións públicas a través dos impostos das cidadás. Xa sabemos, e lamentablemente puidemos experimentalo durante a pandemia, cal é o resultado do modelo privatizador que defende o PP.

A táctica do PP consiste en botarlle as culpas aos demáis para así non ter que dar conta dos reiterados incumprimentos con Ourense e atopou na residencia a escusa perfecta. Porque que hoxe Ourense non conte cunha residencia pública de maiores ten causas e causantes, e ningunha delas ten que ver co BNG. En 2016, Feijoo prometeu a construción de sete novas residencias con 900 prazas nas grandes cidades de Galiza, unha delas en Ourense, proxecto ao que se destinarían 6 millóns de euros para 120 prazas e coa creación de 75 postos de traballo. A propia Xunta asinou, nese mesmo ano, un contrato coa empresa Oficina de Planeamento SA para a determinación das ubicacións de cada unha das residencias proxectadas en cada unha das sete cidades do país. O informe desa empresa, no caso de Ourense, determinou que a mellor ubicación era no barrio do Vinteún, Camiño Real de Cudeiro, parcela que en abril do 2019, un mes antes das eleccións municipais, oh casualidade!, o Concello cedeu á Xunta a través dun convenio. A residencia tiña que estar rematada en 2020 e non se puxo unha sola pedra. Non so non se fixo nada, senon que se retirou esa partida do orzamento.

Outro dos argumentos que está a manexar o PP e Jácome (tanto monta, monta tanto) é que de non aprobarse o cambio de cualificación da parcela, vanse perder 12 millóns de euros. Pois volven mentir. O investimento da Fundación Amancio Ortega, como así consta no convenio asinado entre ela e a propia Xunta, non fai causa da ubicación da residencia, polo que o investimento está garantido.

Nós demos o voto favorable a unha moción do PSOE o 4 de decembro de 2020, vinculada ao cumprimento de dúas esixencias: a) resolver o conflito urbanístico existente na parcela co fin de poñer a disposición os terreos con todas as garantías legais e xurídicas, e b) cumprimento das demandas da veciñanza. Ningunha das dúas está garantida, por máis que se empeñen en dicir o contrario. En relación coa primeira, o PP di que o dereito de reversión esta prescrito. Erran novamente. O dereito de reversión é un instrumento xurídico que so se aplica cando previamente houbo expropiación. Neste caso concreto non houbo expropiación, houbo cesión. Ese terreo foi cedido polos antigos propietarios ao concello para unha finalidade concreta, é dicir ten un carácter finalista. Non o di o BNG, dío o acordo asinado ante notario que ten unha serie de cláusulas de obrigado cumprimento, porque este non é un simple acordo entre partes, é un convenio urbanístico en toda regra, como así consta no acordo plenario no que o Concello lle cede a parcela á Xunta. E os convenios urbanísticos son de obrigado cumprimento.

Que di ese convenio? Pois na cláusula cuarta, que a cesión que se fixo no seu día ao Concello (estamos a falar do ano 85) era vinculada á construción dunha estación de autobuses de interese xeral nesa parcela. E que di a cláusula quinta?: que no caso de que non se fixera a estación no prazo de 5 anos, ou perda a condición para a que foi cedida, os terreos volven aos seus lexítimos propietarios, se estes o reclaman. Polo tanto, a cuestión para nós está moi clara.

E con isto desmóntase outra das falacias de PP-Jácome: a responsabilidade diante dos antigos propietarios non lle corresponde a Xunta, correspóndelle ao Concello, que foi quen asumiu no seu día as condicións cos propietarios.

En relación aos compromisos coa veciñanza, xa se teñen pronunciado os interesados. Máis incertidumes que certezas.

A nós pódesenos acusar de moitas cousas, pero non de ir contra os intereses de Ourense. Eu pregunto ás veciñas e veciños: farían unha casa nun solar do que non estiveran cen por cento seguros de que son os propietarios e de que ese solar non ten ningunha carga? Obviamente non. Pois se na esfera do privado hai que ter cautelas, moito máis cando se administra diñeiro público.

O que está a facer o PP en Ourense é tentar encubrir os incumprimentos reiterados de Feijóo con Ourense. Se non se fai a residencia non será culpa do BNG, será culpa en todo caso de quen leva mentindo durante todos estes anos e incumprindo o que promete.

Reiteramos o que levamos dicindo desde o primeiro día en relación con esta cuestión: residencia si, con garantías... e nesa parcela non as hai.

Te puede interesar