Opinión

A noria do tempo

“O mudo sempre camiña, e faino segundo a cadencia dos cartos que son a ciencia. Sempre manda o vil metal nesta danza ritual que a todos nos enlouquece...”.

A noria do tempo sinálanos o ritmo da nosa vida diaria. Os días, meses e as estacións do ano marcan o decorrer e a forma de vivir. E neste decorrer están tomando moita forza dúas datas: as veces que temos a obriga do cambio de hora. Ou sexa no último fin de semana de outubro e último do mes de marzo. Pois facendo eses cambios no reloxo semella, aínda que erroneamente, que entramos no tempo do inverno ou que estamos a encetar o tempo de verán. 

Levamos moitos anos repetindo esta cantinela; levamos con estes cambios que, aínda que non o pareza, afectan e moito na nosa vida diaria. Pero a verdade é que, dende que comenzou esta obriga, sempre se nos vendeu este modelo afirmando que era para aforrar enerxía e gañar máis tempo de luz. Coido que o dito non é nada máis ca un conto. Nada máis ca unha cantinela que vai nun envoltorio semellante ó preámbulo das leis e dos decretos que sempre din que son en beneficio dos cidadáns. Logo sae o que sae e pasa o que pasa. O cambio de hora foi unha forma de vender unha decisión que descoñecemos se serviu pra aforrar enerxía ou se persigue outros obxectivos que non convén desvelar. 

Vexamos: na nosa terra, seguindo o trazado dos meridianos, teríamos a hora de Portugal e as Illas Canarias. Mais co cambio que comenzou o pasado 30 de marzo, o que facemos é adiantar unha hora, polo que os días son moi longos e, aínda que non o pareza, trastocan moito a nosa rutina, pois perdemos tempo de descanso. Pero a idea de manter unha hora única no espazo xeográfico que vai dende Fisterra ate Mallorca lévanos a aceptar a mesma hora en todo o Estado. O que non se entende ben é que teñamos que ir dúas horas por diante se tomamos como referencia a luz solar. Ben sei que ter dous fusos horarios no Estado traería complicacións e non parece viabel. Mais aínda estando incluídos nun fuso que non nos pertence, a que ven este cambio da primavera? Non sería mellor seguir co horario que tiñamos?

A economía e os cartos marcan en todos os aspectos a nosa vida. E, segundo o que se argumenta aínda que non se di claramente, o cambio horario ten moito que ver cunha decisión baseada no consumo e polo tanto na economía. Pois aínda que durmamos menos, ou que descansemos menos, ó termos máis tempo de luz, incentívase máis o traballo e tamén o tempo de lecer. E polo tanto, tamén o tempo de consumir. Si, o tempo de consumir, que ó fin e o fallo é a roda que fai camiñar a nosa sociedade. Non esquezamos que vivimos nunha sociedade de consumo. Unha sociedade consumista con todas as súas consecuencias positivas e tamén negativas. Eu diría que, a día de hoxe, vivimos nunha sociedade de consumo acrítico. Ou se o prefiren, de consumo desmesurado. Se os días son moi longos, sempre estamos dispostos ó lecer e iso tamén xera cartos, sobor de todo no ramo da hostalería.

Co actual cambio horario, semella que entramos nun tempo que, ficticiamente, deixa atrás a escuridade do inverno. Mais o de adiantar unha hora, por moito que prediquen dende as diferentes esferas do poder, á cidadanía non lle ve ningún beneficio e si un desaxuste na rutina da vida diaria. En fin, mentres non cambie a roda do cambio horario que seica será no 2026, e desapareza esta cantinela, non queda outra que adaptarse. 

Te puede interesar