Opinión

Arrieiros somos...

No último pleno do Concello, o PP, diante as propostas de Jácome para facer unha modificación de crédito, pasou a dicir non. Ou sexa: votou contra esa modificación para pagar festas e algunhas subvencións. E o cherif Jácome, cos seus mandados, soltou a frase de: “Arrieiros somos”... engadíndolle que isto traería consecuencias no partido que se xoga a catrocentos metros do Concello.

O anuncio de que a entelequia partidaria de DO participará nas eleccións autonómicas abre unha certa inquedanza nas filas dos populares, pois Ourense é a provincia que, proporcionalmente coas outras tres, máis escanos aporta para acadar a maioría en Compostela. Estamos diante un escenario no que grupos minoritarios desta provincia, acolléndose, e non sen razón, á bandeira de que esta terra do interior galaico sempre sae perxudicada nos Orzamentos da Xunta, presentará unha candidatura que pode xogar a dúas bandas: ou sexa, apoiando ós populares ou, se se tercia, ós adversarios do PP. Esta opción ben podía sacar dous escanos e ser chave para que os que gobernen teñan que plegarse as reivindidacións adornadas dunha Ourensanía efectiva.

Por outra parte, semella que a postura dos populares no Concello non é cómoda, e de manterse a postura de non apoiar a Jácome, o pacto que levou a DO á alcaldía esta en entredito. Ou sexa: pode rachar. Parece logo que o panorama político na cidade entra nun novo escenario que, de confirmarse, pode animar a xestionar unha moción de censura antes das autonómicas. O alcalde caería do poder e así poderíase comenzar a limpar o Concello, pois as chapuzas económicas do goberno local irán saíndo á luz e seguro que traerán importantes sorpresas. 

Ourense volve estar no candeleiro político galego, pois do que aconteza nesta provincia pode depender a cor do goberno da Xunta. Claro, aínda que sexamos o territorio que peores datos sociais en todos os sentidos aporta dentro desta Galicia gobernada polos populares. Mais como as cousas da política, moitas veces, non seguen o camiño da racionalidade, pois á hora de votar son moitos os factores que inflúen na vontade da xente, as cousas están como están. Ou sexa, moi mal. Que se pode esperar dun Concello que leva anos sen presupostos e por non ter maioría prorroga os anteriores; que se pode esperar dun goberno local que ten os servizos máis importantes en precario dende hai bastantes anos, ocultando o elevado custe que iso implica para as arcas municipais; que se pode esperar dun goberno que non é capaz de xerar consensos nos grandes asuntos da cidade. Nada de nada. Nada do importante, ou sexa, ningún problema de certa embergadura dos que temos se afronta. Todo esta ó pairo da comenencia electoral da alcaldía. Eso si, gastamos en festas para satisfacer ós que non pagan impostos e non ven máis alá da súa sombra.

Arrieiros somos, dixo o cherif, máis eu non vexo que a día de hoxe a Deputación corra perigo: se os que hoxe son oposición se alían con Jácome para mandar nela, sen esperar un tempo e ver o que fai Luis Menor, apaga e vámonos.

En fin, se o PP quere, a Jácome quédanlle dous telexornais na alcaldía. Esperemos acontecementos. 

Te puede interesar