Opinión

DIMITIR

Hai cantidade de ditos e refráns que fan referencia á ledicia que temos cando acadamos un determinado obxectivo e uns bos resultados naquel proxecto polo que loitamos. As louvanzas énchenos de satisfacción e mesmo sentímonos felices e dispostos a traballar por acadar metas de futuro que, noutro momento, nos parecían inalcanzables.


Pero na vida cotián non sempre é así. Non sempre se logran as metas nos proxectos individuais e colectivos e, como se fose por arte de socioloxía, aparecen os fracasos. E a continuación chegan as contradicións na nosa traxectoria vital. Pois ben, isto, levado ao campo da vida política resúmese nunha frase que di: Eu vexo a palla no ollo alleo e non percibo a viga no meu propio. Quere isto dicir que cando estamos na oposición reclamámoslle ao contrario dimisións e moitas cousas máis, pero cando gobernamos e temos pésimos resultados miramos para outro lado, ou empregamos discursos varios para xustificar o inxustificable. En fin, non vemos a viga que temos diante dos ollos e buscamos desculpas. Isto que afirmo ven acontecendo en todas as formacións políticas que, nestes días, por mor dos resultados das eleccións municipais do 15-M andan a reflexionar para saber as razón da perda de votos de cidadáns libres e soberanos.


Poñer o cargo a disposición do grupo que te propuxo non debera ser un trauma para ningún candidato que queira ser coherente. Penso que é un detalle, cando menos, de ética e valía persoal que lle dá un certo grao de elegancia á persoa e á nobre misión da política. Pero, cando as desculpas baseadas en entender a difícil ciencia da socioloxía, son o motivo da xustificación do pésimo resultado, mal andamos. Os resultados electorais son os que son; e cando son malos de solemnidade, xustificalos en base a hipotéticos atrancos habidos, ou a herdanzas recibidas, aínda que houbera parte de razón no discurso, son indicativos de falla de altura de miras e de debilidade política e persoal.


Dimitir, ou polo menos poñer o cargo a disposición, é o mínimo que se lle pode esixir a quen, cando hai malos resultados, ten a responsabilidade de liderar calquera misión encomendada. Meter a cabeza baixo a ala, xustificar o inxustificable, ou agocharse na crise ou a herdanza que che deixaron os demais, é cando menos un acto de pouco señorío, de debilidade e medo cara o futuro.


Resúltame sumamente duro non asumir a realidade sen unha dose seria de autocrítica; resúltame pouco aceptable botar man de argumentos varios para non visualizar a debilidade propia e acentuar os defectos, ou descargar culpando aos demais do mal resultado. Por iso digo que, sobre todo, na política hai que saber estar á altura das circunstancias; hai que ser elegante cando se perde, tendo claro os valores que isto implica. Despois do 15 M moitos son o que terían que poñer o cargo a disposición da respectivas organizacións partidarias ou dimitir sen máis. Pero, xa veredes que poucos o fan. Contaranse fácilmente. Por iso, para anotarse tantos positivos todos andamos dispostos; para o resto tiramos balóns fóra e isto devalúa as persoas que participan na política.

Te puede interesar