Opinión

Fútbol: deporte, espectáculo e negocio

Posiblemente nunca houbo unha actividade que reunira arredor de si tantas cualidades, que non virtudes, se é que así se lle poden chamar. O certo é que o de darlle patadas a un balón, sobre todo en España, toma tintes de ser, ademáis do reseñado, unha relixión. Neste senso cómpre lembrar que na Arxentina acérrimos e fanáticos crearon a “igrexa Maradoniana”, en referencia o astro Maradona, e eiquí ainda non chegamos a tal extremo.

Pero como o fútbol profesional a nivel de estrelas move paixóns desaforadas, manexa millóns de euros, é un bo negocio para aproveitados, dalle gloria e moitos cartos ós xogadores de fama, defrauda impostos, fai esquecer penas e seica axuda a rememorar xestas que se aproveitan polo poder político, ten un tratamento especial en todos os medios e lugares deste país. Calquer partido dos considerados importantes paraliza un país, condiciona a vida política e social e ate serve para unir vontades e a desafogar instintos humanos de todo tipo.

Ben sei que hai moitos que din que ate o fútbol é cultura, custión que poño en dúbida. Pero ós que o practican en niveis de figuras importantes son considerados semideuses, que pululan polo mundo terrenal e que teñen un montón de privilexios e consideracións, ademáis ser tratados, na linguaxe dos medios especializados, como superhomes.

E como isto é así, e a sociedade necesita a referencia de ídolos de masas que cumplen unha función semellante a que cumplían os gladiadores no circo romano, pois temos a estas figuras ás que satisfacemos con todo o que nos pidan. Así, resulta que ós patriotas que foron seleccionados para defender o título mundial de “La Roja” hai que incentivalos para que gañen o título coa frioleira de 720.000 euros por xogador. Xa sei que é legal pero tamén tremendamente inmoral. Está claro que somos o país dos excesos; somos un país rico que tacañea nos servizos públicos básicos, na investigación, pero dilapida cartos pagandolle ós que levaran como emblema “a por ellos oé, oé, oé”. Estamos diante un bo exemplo do que non se debe facer, pois outros países, entre eles Alemania, pagaranlle unha prima ós seus moito máis pequena que ós nosos galdiadores, digo, xogadores. Pero o máis triste do asunto é que esta cantidade foi negociada polos xogadores coas autoridades competentes.

E a pregunta que fago e a seguinte: cal é a responsabilidade que teñen estes señores por darlle patadas ó balón para amasar tan importante cantidade de cartos?, en que universidade estudaron?, que título teñen? E, a continuación, venme á memoria a relación existente entre responsabilidade e salario. Pois se un conductor de autobús cobra mil euros ó mes, e da súa conducción depende a seguridade dun fato de persoas, un médico cobra arredor de 2.500 e pico, etc., cal é a razón pagar tanto por darlle patadas a un balón?

País de excesos, que confunde deporte con espectáculo e negocio; que en base a unha adoración papanatista e esaxerada encumbra a persoas á categoría de titáns, deuses terrenais que non parecen humanos. O fútbol tal como está concebido é o lugar onde hai moito asunto turbio agochado; onde hai cartos en negro, pufos ao Fisco, xogadores que evaden impostos ou poñen o domicilio fiscal en paraísos para pagar menos á Facenda. Patriotas de pacotilla e interés propio.

Te puede interesar