Opinión

Ondiñas veñen...

Debo afirmar que son un tanto desconfiado cando se fala de rematar coas políticas vellas, pois ó referirse ó vello e ó novo hai que ter certa precaución e  marcar sempre un punto de partida. Por iso falo de “ondiñas veñen e van”. Nin todo o moderno é progreso  nin todo o antigo é malo por natureza. Como tantos ourensáns e galegos, sigo o momento político  un tanto desconcertado, dado que  son bastantes os que predican que todo o que se fixo na vida pública ate agora está mal, e ofertan cantigas que soan a populismo un tanto novidoso pero  que nada ou pouco aportan, e penso que pouco van a arranxar.
Celebro que novas xeracións de persoas tomen iniciativas políticas para presentarse ás eleccións e tentar  gobernar. Pero non parece acaído que se arroguen en nome da cidadanía representacións que so andan, no mellor dos casos, nas enquisas e na cachola dos dirixentes. A cidadanía fala cando vota. Ademais,  iso de recalcar que os partidos  son algo que soa rancio e soamente o novo ten valor, non me encaixa.
Que na vida política hai moitas cousas que corrixir, pois claro. Que hai que rematar coa corrupción, pois si. Que a vida municipal na cidade das Burgas é un desatino, tamén. Que a xustiza, tentando ser xusta, escarallou unha corporación cunha maioría sólida, tamén. Que dende a detención do alcalde e a imputación de concelleiros  e  a conseguinte xudicialización  da vida municipal  todo foi un disparate, tamén. Que asuntos que soamente son administrativos  están  na vía penal,  cando non debía ser así, tamén. Que o cabreo social é moi alto e o deterioro das institucións é algo que se percibe, pois claro. Que a oposición na cidade non soubo estar á altura dos problemas e dos tempos, quedou claro. Que Ourense morre sen futuro nin perspectivas,  pálpase. Que o paro afoga a unha sociedade sen iniciativas, nótase.  Pero todo iso non é motivo para dicir que todo o que se fixo ate agora foi malo, pois houbo cousas acertadas e outras non.


Estamos en tempo preelectoral e  todo son promesas fermosas que debuxan  unha sociedade idílica; unha sociedade  na que case todo vai ser  gratis, cando non é así. Por iso todas as formacións deberan ser máis prudentes á hora de lanzar proclamas ó vento para as eleccións do 24 de maio.
E no medio de tanta verborrea, percibo que máis alá de falar de que os cidadáns poden participar en listas abertas  e a celebración de   primarias que, nalgúns casos, son un método malo para elixir candidatos, detecto   a ausencia de argumentos que falen de proxectos interesantes  para o concello; propostas razoadas que   falen dos beneficios e custes para os cidadáns; medidas para trocar a situación dunha cidade que día a día se encolle en si mesma.
Nin que dicir que creo nas organizacións políticas serias, e que o do asemblearismo paréceme algo trasnoitado. Por iso digo que a min aquelo de “xuntémonos para chegar ó poder e logo falemos do que  imos facer  ou  a quen apoiamos”  non me convence. Non,  dado que mellor sería empezar polo que se quere ofertar e logo falamos do resto.
As sociedades camiñan dando bandazos, pois as xeracións que chegan á política veñen con forza, pero na maioría das veces con descoñecemento do pasado, incluso o máis recente, para logo toparse cunha realidade na que todo aquelo que prometeron non se pode facer. Ondiñas veñen e van, sóanos a cantiga popular, pero a realidade social tamén camiña seguindo o ritmo das ondiñas que  veñen e van para, despois do cabreo, acomodarse por outro tempo ate que cheguen outras mareas e volva  acontecer o mesmo. En fin, que por formación creo nos proxectos serios que non se agochan baixo modelos imprecisos, e non perden o nome e a súa personalidade. Por iso digo que nestes comicios camiño un tanto desnortado, confuso e sen saber que vieiro seguir.

Te puede interesar