Opinión

Un presidente que dá a nota

A verdade é que cada día que pasa entendo menos as declaracións do presidente da Xunta, pois en Galicia sempre está mudo e fuxindo dos grandes problemas desta nosa terra e agora vai a Catalunya a dicirlle o actual presidente dos cataláns que é o inimigo principal que eles teñen. Manda nabo. Parece que para andar na palestra hai que dar a nota aínda que o desafine sexa moi groso.

Non sei se aos galegos se nos toma por parvos ou é que hai un bo montón de gobernantes que pensan que o son. Porque cando se vai predicar a outros lugares e se agochan os problemas da casa, pode que pretendan que creamos que vivimos nun país idílico onde todo camiña moi ben. E iso reflíctese na programación da “nosa televisión”, coas súas emisións chocallleiras de comilonas e con moito ritmo de merengue e cumbia. Eiquí non pasa nada de nada. Todo ben, ou mellor moi ben.

Podemos estar dacordo ou non co que fai un político; poderemos estar ou non coas determinacións e manifestacións que fai. Podemos discrepar coas ideas que persegue. Podemos consideralo un adversario. Pero a día de hoxe declaralo inimigo do seu propio pobo, parece fora de lugar. Primeiro porque foi elixido polos cataláns para gobernar e merece un respecto. E segundo, porque tras del, estéamos ou non dacordo, hai moitos milleiros de cidadáns que o apoian.

Pero o noso presidente, sempre calado nesta terra, sempre fuxindo e acochándose para non afrontar o graves problemas que temos a día de hoxe, vai cantar a outro poleiro dicindo parvadas. E cando hai asuntos moi serios como o da sanidade e o do leite, tarda tempo en recibir ós gandeiros. Logo, cando xa os tractores están na rúa, dálles boas palabras e dilles que se conformen con esmolas, ou pídelle que abandonen as protestas violentas. Vamos, que os tilda pouco menos que de terroristas. Mentres, un conflito semellante en Francia merece a atención do presidente da República, que obriga a chegar a acordos a produtores e empresas e o asunto arránxase. Pero, nesta terra, somos diferentes. Somos lugar distinto.

Que temos un problema serio moi serio no sector primario?, o Goberno de Feijoo non presenta alternativa ningunha. Que temos un problema de despoboación e as aldeas e pobos quedan baleiros?, non so anda a Xunta nas pavías senon que se carga a única alternativa que no seu día significou o Banco de Terras. Que o sector leiteiro pasa por momentos moi malos?, pois nada, a culpa téñena os gandeiros. Que no hospital de Vigo chove?, que poñan paraugas. E claro, así nos vai. E mentres, o presidente, non sabemos en calidade de que, se de militante do PP ou de autoridade galega, vai a terras catalanas e solta un “espiche” con desafino total.

Isto señores é o que hai. Pero que ninguén se poña excitado, todo vai segundo o previsto. Temos no timón a un gran bedel que obedece as consignas que veñen de Madrid caladamente. Temos na proa a quen nos guía cara a desaparición como pobo e como comunidade. Viva a “telegaita” esa que nos alegra a vida con ritmos latinos, gaitas e programas chocalleiros, que o presidente e o seu goberno, viven noutra realidade social moi diferente á nosa.
 

Te puede interesar