Opinión

SUIZA

Emigrar para Suiza foi, hai varias décadas, a pretensión de moitos galegos que, buscando mellor vida, soñaban con xuntar uns francos e logo facer unha casa, algunha ó estilo alpino, na aldea que os viu nacer. Anos da penuria franquista nos que había que emigrar, algo que volve a repetirse para os máis novos. Estes galegos, que viñan de vacacións e contaban as grandezas do país helvético, afirmaban que alí todo era perfecto. Todo estaba controlado polo goberno, polo que non sei o que diran a día de hoxe, despois da aprobación do referendo que limita a emigración europea. O referendo que abre un muro de separación na UE.


Pasado un tempo, as informacións sobre o pequeno país foron abríndonos os ollos, e logo soubemos que aquelo que se dicía e magnificaba soamente era a fachada dun edificio. A fachada dun país insolidario e sumamente conservador. Era a cara mellor, a máis visible, a cara que se amosa o exterior e que se pon nas reportaxes para vender país. No fondo, no lado escuro había outras cousas que fedían á cartos que se agachaban e que viñan de procedencia diversa, escura e maiormente ilegal. Tamén soubemos que este pequeno país, neutral nos asunto bélicos, era o refuxio preferido dos cartos negros de moitas partes do mundo. Especialmente da xente da vella Europa. Por tal motivo a 'a Suiza la vella' vivía case ó marxe da Unión Europea, pois co estatus reseñado íballe moi ben.


Agora, cando chegou o momento da crise económica que afecta a toda Europa aflorou aquelo de que 'la pela es la pela' e a cara máis reaccionaria do país europeo, imponse non so contra a emigración en xeral, senon contra a emigración da UE. O ideario da extrema dereita sae vencedor nunha consulta para vergoña do resto dos países que conforman o vello continente. Claro, coa idea de seguir vivindo dos cartos en B, dos cartos ocultos e escuros que moitos sen escrúpulos agochan no país onde para abrir unha conta non se pide nin se tes delitos nin a procedencia dos billetes.


Poderoso cabaleiro, alguén dixo hai moitos anos, referíndose o diñeiro e que sempre me lembraba o meu paisano Paulino, home de moita retranca e saber que afirmaba aquelo: canto tes e canto vales. E dicía en Suiza póñenlle fronteiras ás persoas e non os cartos; e o demais sonche contos.


En fin, Europa, a unión que quere regular todo no vello continente, non é capaz de rematar cos paraísos fiscais no seu ámeto de acción. E soamente ten capacidade para mandar apretar o cinto ós países do sur indicándolle que hai que baixar salarios e flexibilizar o emprego. Mentres mira, prácidamente, para outro lado e permite que este pequeno recuncho siga a ser o refuxio dos que agochan os cartos para fuxir do fisco. A Suiza dos nosos emigrantes non era nin é o país perfecto que eles debuxaban cando volvían da vacacións. Non. É un país tan imperfecto como os demáis que conformamos a UE. Se acaso, é un lugar limpo e ordenado, onde as miserias humanas convertidas en cartos de procedencia escura e delictiva están a salvo nos bancos helvéticos do control das facendas públicas.

Te puede interesar