Opinión

BIAFRA, NOME PRA UNHA MASACRE

Ovindeiro 6 de xullo hai 45 anos que comezou a guerra de Biafra. O conflito encetou en xaneiro de 1966 cando unha rebelión militar breve e cruenta, dirixida sobre todo por oficiais da nacionalidade ibo e tendencia esquerdista, pretendía tomar o poder pra rematar cunha situación chea de irregularidades electorais e corrupción. O golpe fracasou, e o poder ficou en mans do comandante en xefe do exército federal, Ironsi (tamén da etnia ibo), que instaurou un goberno militar no país. A resolución do conflito foi ollada por fulanis-hausa e yorubas como unha manobra dos ibos pra se facer co poder, o que aumentou os resentimentos étnicos.


Naquel intre Nixeria, que se independizou do Reino Unido no ano 1960, tiña uns 60 millóns de habitantes nos 923.000 quilómetros cadrados de territorio, e estaba conformada por catro rexións: Norte, Occidental, Centro Occidental e Oriental (Biafra). No norte eran hexemónicos os hausa-fulani; na rexión Occidental os yoruba; en Biafra os ibos; e na rexión Centro Occidental, mesturábanse ibos e yorubas. No norte, a povoación é sobre todo de crenzas musulmáns e no sur cristián ou de cultos africanos. É polo tanto un estado moi polarizado, integrado por tres grandes grupos nacionais, que foron unidos forzosamente polos intereses económicos e militares da potencia colonizadora.


O norte, moi relegado na etapa colonial, tanto na administración como no exército, procurou en todo momento a maior independencia posíbel, mentres que yorubas, ibos, e as nacionalidades minoritarias facían esforzos pra conformar un estado forte, que evitara as tendencias centrífugas. Por isto apoiaron a decisión de Ironsi de suprimir a federación, unha medida que foi considerada no norte como un ataque ás particularidades nacionais de fulanis e hausas. A mecha pra o conflito estaba acesa. En maio e setembro dese ano estouparon motíns civís e militares no norte que foron dirixidos especialmente contra os emigrantes ibos. Foron verdadeiros xenocidios, nos que se calcula foron masacradas unhas 30.000 persoas, moitas máis foron feridas e bastantes delas quedaron eivadas de por vida. Uns 600.000 ibos tiveron que fuxir a Biafra pra salvar a vida.


O 26 de xullo de 1966 os fulani-hausas deron un contragolpe militar e colocaron no poder ao alférez coronel Yakubu Gowon, que restableceu o federalismo. As posturas mudaron, como consecuencia das masacres e o golpe, e agora eran os ibo os que rachaban co estado nixeriano. A respeito do sentir dos ibo, dinos Frederick Forsyth, no seu libro 'La historia de Biafra' (1979) que por parte do Governo 'non se fixo ningunha declaración laiándose polos feitos; non se esixiu ao Norte unha expresión de condolencia (...) nen un só soldado foi enviado a prevención, nen un oficial sometido a consello de guerra'. En Biafra, o coronel Ojukwu alenta unha Asemblea Consultiva, que se constitúe o 31 de agosto de 1966. Está formada por 335 membros, dos que 169 son ibo e 165 pertencen a outras etnias, o que lles confire a estas últimas unha proporción maior que o seu peso demográfico.


Como se dixo, o 6 de xullo de 1967 as tropas nixerianas comezan o ataque a varias cidades de Biafra, contando cun exército que irá medrando até os 120.000 combatentes, e armamento abondo fornecido polo Reino Unido, Exipto e a URSS. Uns por razóns económicas, outros porque queren evitar a balcanización dos recén nacidos estados africanos, verdadeiros crebacabezas étnicos e relixiosos. Malia a inferioridade Biafra é capaz de artellar algún contragolpe, que non aproveita axeitadamente. Ao final imponse a forza das armas, despois de 30 meses de guerra, que deixa entre 750.000 e 3.000.000 de mortos en Biafra, a inmensa maioría deles por mor da fame. O conflito termina sendo un xenocidio. A este prezo consolídase a unidade nixeriana e a hexemonía do norte no país.

Te puede interesar