Opinión

A negociación é a única saída

Sendo verdade que o aumento da inflación encetou hai uns meses, por causa do maior custe da enerxía, as sancións contra Rusia, a guerra na Ucraína, terminaron por afectar a todo o sistema a nivel mundial, e moi especialmente á Unión Europea. É así polos distintos ritmos de recuperación en cada país e sector despois da pandemia do covid-19, nunha economía tan globalizada e neoliberal, o que atinxiu negativamente as cadeas produtivas. Un efecto que se multiplicou coas sancións económicas, a demonización de Rusia nos medios, e poñer máis o acento na cuestión militar, fortalecendo o conflito en lugar dunha saída pacifica, ou sexa, diplomática.

O Estado español sumouse a esta política sen a máis mínima reflexión sobre os escenarios futuros, botando peito por detrás de Washington, e neste intre semella querer facer o propio sobre as vías pra saír deste lameiro, algo que non é tan doado, cando ademais das armas, dos mortos/as e destrución, empréganse con máis violencia as palabras, e interpretase e reflíctese a situación abrindo fendas que durarán décadas. E agora, coa inflación a tope, cun medre do PIB que ficará como máximo na metade do previsto, e con propostas de Pedro Sánchez de aumento do gasto en defensa en máis de 7 mil millóns e rebaixa de impostos, no que semellan medidas que queren cadrar o circulo; e polo tanto pouco críbeis. Seica o Governo central baixará o prezo da luz e do gas a partires do día 29, despois do Consello da UE (Será pra pedir permiso? Daranllo?... Terá en conta que as dúas principais eléctricas gañaron o pasado ano máis de dez mil millóns?).

Resulta evidente que o Governo de Pedro Sánchez, pra alén da preocupación por un tema que afecta a unha gran parte da sociedade, tamén está premido pola folga do pequeno transporte, que incide no abastecemento da povoación así como á actividade industrial, ao que se engade o temor de que esta se alargue á pesca, gandería, etc. Non é unha cuestión menor, e por se non abondase, aínda que Rusia non incida moito no abastecemento enerxético do Estado español, porén en cambio faino respecto do trigo, metais e turismo. Outro tanto acontece coa Ucraína, en relación co millo, xirasol, etc.

En poucas palabras, aínda sendo fundamental acadar a paz entre Rusia e a Ucraína, non abonda, ademais é necesario que se restituían as relacións económicas e de todo tipo con Moscova. Isto é importante pra recuperar a corto prazo a economía, mesmo pra que a medio e longo prazo se reconfigure o comercio internacional, reducindo a dimensión xeográfica das cadeas produtivas e aumentando o seu número. Ou sexa: indo a sistemas autocentrados, sostíbeis, e un reparto máis xusto do traballo e da riqueza entre países e entre clases sociais. Isto sería beneficioso pra enfrontar en mellores condicións as pandemias, os cambios climáticos, o exceso de mobilidade, os conflitos, etc. O capitalismo está na súa etapa senil, a globalización neoliberal chegou ao límite, e as regras xa non se respectan nen sequera nas relacións entre grandes potencias (conxelación de reservas soberanas e activos das corporacións, bloqueo do sistema de transaccións bancario, etc).

Resulta evidente que as potencias e grandes empresas que levan décadas, mesmo séculos, facendo e desfacendo, queren saír desta crise cun axuste que manteña seus históricos privilexios. Mais todo fai pensar que neste mundo, con está densidade demográfica, migracións masivas, esgotamento de recursos, desfeita do clima, e con armamento nuclear totalmente destrutivo en cada vez máis países, está truncada a folla de ruta que se pretenda impoñer a través da lei do máis forte. En fin, é a hora da negociación, non só no senso táctico, económico, senón porque a seguridade é un ben colectivo.

Te puede interesar