Opinión

Optimismo clasista

O discurso do presidente do Governo durante o debate no Congreso deixou en evidencia o afastamento que existe entre o Executivo e as persoas do común.

 Pra Rajoy todo vai no bo camiño, grazas á súa xestión, e xustifícao con algúns datos macroeconómicos, como son: a rebaixa na prima risco, a subida da Bolsa e os beneficios das grandes empresas, o equilibrio no comercio exterior, o medre na entrada de turistas, que o PIB saíse do números vermellos, e que o desemprego non siga a medrar.


Esquece o presidente que xunto a estes datos “positivos” hai outros que non o son tanto, como un déficit que supera os compromisos con Bruxelas, impostos polo resgate bancario, e unha débeda pública que practicamente iguala o PIB do Estado español, unha fraude fiscal enorme e unha presión impositiva regresiva no social. Tamén pasou por alto que a balanza comercial externa se equilibra máis pola queda das importacións que pola puxanza exportadora. Tampouco matizou que a emigración masiva e o retorno dos inmigrantes son un factor que contribúe en gran medida a evitar o crecemento do desemprego, xa que a ocupación segue a baixar, e que os resultados positivos da Bolsa contrastan coa destrución de pequenas empresas que se mantén.


Outros aspectos que teñen un carácter claramente regresivo e que o Governo semella non querer ollar ou prefire ignorar: a metade dos desempregados non cobran ningún tipo de seguro ou subsidio, recortáronse as prestacións á dependencia, impúxose o copago dos medicamentos e excluíronse certos servizos sanitarios, polo  que medrou alarmantemente a marxinación social e a pobreza das familias. Por se non abondase, as condicións laborais degradáronse, aumentando o tempo real e a intensidade do traballo e diminuíndo os salarios. O propio Banco de España  recoñece que as estatísticas oficiais non son correctas, xa que infravaloran a caída salarial, que só no último ano tería sido dun 2%. O realmente preocupante e grave, é que o Governo coida que este é o camiño axeitado pra saír da crise, se temos en consideración as propostas concretas que fixo no Parlamento, e desbotamos o engado dalgún caramelo, como a exención do IRPF para os ingresos inferiores a 12.000 euros/ano, e as palabras bonitas coas que se sempre se arroupan este tipo de medidas.
En relación coa exención do IRPF, a asociación de técnicos de facenda GESTHA asegura que significará un aforro de só 67 euros de media por ano aos 26.700 contribuíntes beneficiados na Galiza. Non alivia ren as dificultades das familias. Pola contra, a tarifa plana de cen euros polas cotizacións sociais para contratos fixos terá unha enorme repercusión sobre os beneficios empresariais e as pensións, amosando a dobre vara de medir do Governo do PP.

Vexamos: os empresarios que formalicen contratos indefinidos con tarifa plana aforrarán unha media de 3.600 euros ao ano, que engrosarán os seus beneficios; todo co pretexto de diminuír o desemprego, como se alguén contratase empregados que non precisa, e polo tanto a contratación dependese desa subvención.


Agora ben, ¿quen pagará este medre dos lucros empresariais? Dado que o sistema de pensións é solidario entre xeracións, e as cotizacións son parte do salario, co que se pagan as xubilacións actuais, ou ben se recortan as pensións ou teremos que pagar o déficit todos e todas a través dos impostos. Ou sexa, que esta subvención aos empresarios terán que asumila, máis unha vez, as clases populares, dado que a crise é un axuste que concentra e centraliza riqueza e poder, polo que beneficia as grandes empresas e territorios máis fortes. Non é casual que as eléctricas, que gañaron o pasado ano seis mil millóns de euros, e os cinco grandes bancos, con 7.674 millóns, estexan con estas políticas tan satisfeitos.

Te puede interesar