Opinión

FRAGA E CASTRELO

Na miña longa andaina festeira-festivaleira -Canción do Mundo Celta- ,o meu alcalde David Ferrer Garrido 'suxeríume' que naquel ano podía nomear presidente de honra do Festival a Manuel Fraga Iribarne.


Eu coñecera a Fraga no ano 1958, cando de camiño a Vilagarcía de Arousa para presidir e discursear na conmemoración da fundación da Falanxe Galega fixo un alto en Ourense. Era delegado nacional de Asociacións do Movimento, e quería que o Partido Carlista -na clandestinidade- se xuntara e fixera 'vida' eiquí en Ourense coa Falanxe e ofrecíanos dous despachos no chalet de Gil Torre, xa desaparecido, na rúa Curros Enríquez.


Fraga, con aquel talante -e tamén talento- autoritario botou quince minutos para nos convencer á Xunta Carlista Ourensá; dábao por seguro, xa que logo, a súa soberbia facía falar 'excatedra' a quen fora todo no anterior reximen, menos presidente. O que non contaba era o que dixo Musset: 'Meu vaso é pequeno, pero bebo no meu vaso'.


A citada xuntanza terminou como o rosario da aurora. Pois o xefe dos carlistas espetoulle: 'Vostede fala moi ben, pero nós non queremos saber nada coa Falanxe'. Fraga quedou cun cabreo de pai e señor meu.


Mais vaiamos ao comenzo. Fomos a Madrid José María López Ramón, que era o gobernador civil, David Ferrer Garrido e máis eu. Recibíunos no seu despacho do Ministerio de Información e Turismo, na Castellana. Íl estaba sentado na súa mesa de traballo, ao fondo, que debía ter 50 metros de longo por sete de ancho. A min lembroume o dictador fascista italiano Benito Mussolini. Levantouse e saudounos. Entregámoslle o diploma de Presidente de Honra da Canción do Mundo Celta, e preguntou cando era o evento. Logo de llo dicir, díxome que si estaba libre que viría. Que non veu.


Logo, dirixíndose a López Ramón, que estudiaran xuntos en Compostela: 'Qué hai de novo por Ourense'. López Ramón, nun xesto pra min descoñecido, pois era home tranquilo, faloulle do problema que tiña co encoro de Castrelo de Miño. '¡Ah! -dixo Fraga- sí, xa sei o que dixo Camilo Alonso Vega (que era ministro da Gobernación), que o encoro vaise facer pese a quen pese', pois Pedro Barrié somentes pensaba pagarlle aos paisanos o que íl consideraba 'xusto'.


López Ramón díxolle que eso non era esí, alzando a voz, pois o que tiña que 'lidiar' aos labregos era íl e non Camilo Alonso. Tiveron un intercambio de palabras grosas -por parte de Fraga, claro-, e rematamos outra vez como o rosario da aurora.


Ao saír doMinisterio, López Ramón despedíuse de Ferrer e de min, que íamos xantar os dous xuntos. Eu díxenlle a David: 'Carallo pra López Ramón. Non se achicou nada'. David asentiu.


Gracias aos bós oficios de Eulogio Gómez Franqueira e de López Ramón os labregos de Castrelo chegaron a un acordo con Fenosa, non sin que antes puxeran unha bomba na caseta da empresa que construía o encoro. En pleno Festival acercóuseme a policía secreta -eu formaba parte do xurado- e deume a nova pra que lla comunicara ao gobernador, nado en Ferrol, e moi boa persoa, e que estaba coas autoridades na primeiera fila do Xardín do Posío.


Son lembranzas dun vello que tivo a honra de servir a Ourense desinteresadamente, con un fato de bós amigos. ¡Qué tempos!

Te puede interesar