Opinión

A VOLTA DE BEIRAS

Coñecín a Xosé Manuel Beiras Torrado no seu piso da rúa Xelmírez de Compostela cando estaba casado cunha filla de García Sabell. Na mesma casa vivía Ramón Piñeiro, co que falei en varias ocasións sentados ao redor da súa mesa camilla.


O coñecemento con Beiras debíase a que formabamos ámbolos dous parte do Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG), íl como líder do Partido Socialista Galego, e eu do Partido Carlista de Galicia.


Atopeime cun mozo 'aberto a toda verba amiga'. Demócrata convencido, nacionalista, mais non separatista. Tocaba o piano e conxugaba unha boa copa dun mellor coñac con antidepresivos, cando no CFPG había liortas verbais contra íl, ata o punto que deixou de asistir como representante do PSG.


Lembro que ó día seguinte en que a UPG -sempre a UPG- rachara co seu abandono o CFPG, veu ó hotel onde me aloxaba, pois tiña polo meu traballo que ir a Lavacoia a esperar a un empresario catalán. Beiras preguntou por min na recepción do hotel, e cando lle dixeron que fora ao aeroporto, veu deseguido a falar conmigo, e tomando un café mentras o avión non chegaba, espetoume con todo o afecto que sempre me dispensou, que non abandonara o CFPG.


Beiras tivo unha moi grande depresión, ata o punto de ter que internalo nun hospital, ao non ter éxito o seu partido nas primeiras eleccións de esta partitocracia que padecemos. Tardou moitos meses en se recuperar e voltámonos a ver na boda en Ribadeo do común amigo Luis Álvarez Pousa. Xantamos na mesma mesa Ramón Piñeiro, Carlos Casares, íl e máis eu.


Agora Beiras volta ao Parlamento galego logo de rachar cos upegallos que seguen a marcar o paso ao resto no Bloque Nacionalista Galego, co seu marxismo leninismo terceiromundista. E volve baixo as siglas de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), onde nise paraguas que Beiras sempre está a levar -como seguindo as verbas de Castelao: 'Non despreciedes a ninguén, que todos son necesarios para erguer a Galicia'- a súa aposta por sumar e non restar, ao revés que a UPG -e esí lles vai cara a ningures-, e fai coalición con Esquerda Unida, con ecoloxistas...


A súa volta ao Parlamento, á parte dun histrionismo perfectamente estudado, vai animar á Cámara galega coa brilante verba e a súa preparación intelectual indiscutible. Terá Núñez Feijóo que se atar os machos para debater con este home de 76 anos e un coñecemento grande da realidade galega e mundial. Dixo que vai levar zocos en vez de zapatos, algo que forma parte dise histrionismo ben estudado e calculado. Mentres ollará, ó BNG cómo dándolle tristura, máis coa súa mirada ás bancadas do Bloque, diralles: 'Qué, non vedes que tiven sempre razón...'.

Te puede interesar