Opinión

XA ESTIVEMOS PEOR

Os que xa nin canas peinamos, lembramos a guerra do 36 e a posguerra da fame e máis do racionamento. Si, os rapaces daquela década dos coarenta non tiñamos un peso pra nos divertir. Un can e unhas cadelas pra irmos á infantil os domingos ao Principal ou ao Losada.


As nosas nais dábanlle a volta aos abrigos logo de dous invernos pra que pareceran novos. Os nenos, algúns, tiñan sabañós nas orellas. Dabamos voltas e máis voltas no Paseo ata a noitiña. Na Ponte Codesal había pan de estraperlo. En algúns sitios había que facer longas colas pra coa cartilla de racionamento levar a casa uns garabanzos, un pouco de zucre ou medio litro de aceite á semana.


Falábase en voz moi baixa de que Franco firmaba penas de morte a porrillo. Escoitábase Radio París, onde Salvador de Madariaga despotricaba contra o réxime. Meu bo pai decíame, 'xa chegarán os tempos normales -que esí lle chamaba á democracia-. Iste xeneral non vai durar sempre'. Á hora da cena miña nai comentaba que rubira o aceite e mailos garbanzos. E meu bo pai sentenciaba: 'Si, non sei onde imos chegar'.


Os rapaces cambeábamos os cromos dos futbolistas fronte á viuda de Lisardo, perto dos jardinillos do Padre Feijóo, que o 10 de marzal aparecía pola mañá cedo cunha boina roxa que lle puñan os carlistas de noite.


No café La Bilbaína, mágoa del, actuaba Lola Flores e Manolo Caracol. O Pencas botaba unha saeta dende o espolón da Praza Maior cando pasaba a procesión 'Dos Caladiños' na madrugada do Venres Santo. O Regimiento de Zamora con base no Cuartel de San Francisco desfilaba o día da Inmaculada polo Paseo como homenaxe á súa patrona.


Esí transcurrían os corenta con fame, racionamento, xentes que inda non emigraban, e bágoas dos que perderan algún ser querido na fogueira de 1936. Por eso titulo que xa estivemos moito peor e saímos dela. Hoxe, entre a herdanza zapaterista e a prima de risco estamos máis fodidos que as mulleres 'da vida' que por aquí entonces pululaban na rúa de Villar.

Te puede interesar