Opinión

Aminatou haidar, a voz do deserto

‘Os meus fillos poden vivir sen unha nai pero non poden vivir sen dignidade’.


Chámase Aminatou Haidar. Nos últimos días é portada de tódolos informativos en case tódolos medios de comunicación. É a heroína que todos queriamos ser pero que moi poucos e poucas son capaces de ser. Ten a valentía de defender os seus dereitos e os do seu Pobo fronte a España e Marrocos. Pero, coñecémola?, sabemos quen é?, como pensa?, e o máis importante, que a move nas súas decisións? O seu fogar, os seus fillos, a súa familia e os seus amigos están en El Aaiún pero dende o día 13 de novembro o aeroporto de Lanzarote é a súa casa que non o seu fogar.


Este é o lugar que as autoridades morroquís lle elixiron despois de sacarlle o pasaporte e metela pola forza nun avión. O seu delito?, ser cidadá dun país que non existe, tentar facer realidade a República Árabe Saharaui Democrática, querer darlle un Estado a un pobo. Pero ela está acostumada. Está acostumada ao igual que o está o seu pobo, expulsado pola forza do napalm e o fósforo branco cara o deserto arxelino, onde 160.000 saharauis sobreviven preto da cidade de Tinduf, nos campamentos de El Aaiún, Aubert, Dajla, Smara, nomes todos eles das súas cidades, das cidades que tiveron que deixar porque llelas arrebataron. Está acos tumada á cadea , as cárceres secretas marroquís onde estivo catro anos e a cárcere negra de El Aaiún onde pasou seis meses acusada de separatista e traidora. Sabe o que é pasar fame, sabe o que é a tortura, sabe o que son as detencións arbitrarias, as persecucións..., ao igual que o saben os saharauis que quedaron nos territorios ocupados por Marrocos.


‘De aquí me llevan a mi tierra o me sacan muerta’. Ela só quere voltar a súa terra cos seus fillos, a súa nai e a súa xente. Pero non quere voltar de calquer xeito, quere voltar con dignidade. Non quere o ‘agasallo’ da nacionalidade española (a que debería ter por dereito) non quere ser refuxiada, non quere esmola, quere xustiza. Quere que a metan nun avión e a devolvan a El Aaiún. Pero as autoridades españolas teñen un ‘problema’, pídenlle o pasaporte que lle quitaron en Marrocos. E unha que sempre anda a voltas coa súa inxenuidade e a súa ignorancia pregúntase como se conxuga que se leven expulsado a 32.000 inmigrantes sen papeis nos últimos dous anos e medio pero non se poida repatriar a unha persoa que nen veu por propia vontade, nen quere estar aquí, alegando que non ten pasaporte. Tivo pasaporte para entrar? ‘Ni soy refugiada ni llegué en patera’, afirma.


Escoitaba hoxe mesmo a un interlocutor nun programa de radio afirmar que a activista non actuaba de ‘boa fe’. Bueno, sinceramente creo que, como mínimo, de ‘boa fe’ non é que en trinta anos o Sahara Occidental siga sendo un territorio ‘pendente de descolonización’, tal e como o califica a propia ONU. De boa fe non é que se siga permitindo que Marrocos controle este anaco de deserto rico en fosfatos, petróleo, gas e caladoiros de pesca, cando non está recoñecida que sexa potencia administrativa deste territorio.


De ‘boa fe’ non é que siga pendente un referendun aprobado pola ONU dende 1991. De ‘boa fe’ non debe ser a represión que as autoridades marroquís levan a cabo sistemáticamente contra miles de seres humanos. Vostedes que cren?

Te puede interesar