Opinión

Hoxe pregúntome

Axóuxere, morriña e apóutiga son as tres palabras que sempre me gustaron máis do galego. Un axóuxere é un instrumento con cascabeis para entreter aos nenos, sinónimo de ruxerruxe; que fermosa palabra tamén!, non? A morriña é un sentimento ou estado de ánimo causado pola nostalxia, sinónimo de soidade e señardade. É unha apóutiga é unha pranta parásita das carpazas, sinónimo de póutega ou hipocisto. Non, non se asusten, non lles vou facer un repaso a todo o diccionario da Lingua Galega, pero decatáronse de que partimos de tres palabras e xa levamos oito?: axóuxere, morriña, apóutiga, ruxerruxe, soidade, señardade póutega e hipocisto. Imaxínanse a riqueza léxica do galego? Hoxe pregúntome, quen de verdade pode desexar que as futuras xeracións perdan isto?

Ah!, pero non lles dixen porque me gustaban especialmente estas tres palabras. Verán, axóuxere, pola súa musicalidade, repítanna varias veces e decataranse do melodiosa que resulta. Cada palabra ten un ton e unha melodía diferente e axóuxere é unha palabra foneticamente perfecta. Morriña, porque é algo noso, ninguén máis no mundo pode ter morriña; poden ter nostalxia, nostalgia, nostagie, longing…, pero para ter e comprender a morriña hai que ser galego ou galega. E apóutiga, esta é sentimental, non é polo seu significado real senón polo que esta palabra evoca en min, porque as palabras poden ter denotación e connotación (significado real e significado persoal); a miña avoa cando eu era pequena chamábame cariñosamente deste xeito. Paréceme que a estou escoitando, “pero, se eres unha apóutiga…” porque ser unha apóutiga en galego tamén é ser cativo. Saben, nengún decreto do mundo,nen nengunha lei do mundo me vai sacar isto. Hoxe pregúntome, se os que ten responsabilidades nisto de lexislar sobre a lingua na nosa Comunidade, se decataron de que cada cultura divide a realidade a súa maneira e busca formas de expresala que lle son propias sen afastar para nada as das demais culturas.Hoxe pregúntome se alguén comprende que as linguas ten dereitos porque somos as persoas as que llelos damos, tódalas persoas. Hoxe pregúntome onde quedará a liberdade de poder empregar unha ou outra lingua se lle negamos ás futuras xeracións a capacidade de poder coñecer unha delas.

Vou rematar con algo que non quero que tomen coma unha prepotencia e sen nengún afán de vaidade. Só pretendo constatar un feito que é o de moitos galegos e galegas da miña xeración. Medrei familiarmente co galego (do cal me sinto moi orgullosa e agradecida), estudiei co castelán primeiro e despois co castelán e co galego (tres normativas convivían entón) e tres horas semanais de francés (entón había que elexir francés-inglés, que pobreza!). Ata cheguei a ter clase de Lengua Castellana en galego-portugués. Ando facendo os meus coqueteos co inglés. Escribín este artigo en galego,porque teño a liberdade de poder elexir, a liberdade que me dá o coñecemento, pero podería escribilo perfectamente en castelán e ata non cometería faltas ortográficas, bastante ben en francés e ata me atrevería un pouquiño co inglés, e asegúrolles que esta mestura non me aturulla para nada nen nunca me aturullou, mais ben me espabilou; non me impediu ir máis aló do Caurel máis ben me axudou e incluso a pasar os Pirineos; o que lamento, e moito, é non o poder facer en máis linguas, e é que se “quen ten unha lingua ten un tesouro”, imaxínense o que é ter como mínimo dúas?

Espero que o día das Letras Galegas nos valia para reflexionar un pouquiño a todos e a todas pero sobre todo a algúns para que parafraseando a Uxío Novoneyra “poidamos ser outra cousa”.

Te puede interesar