Opinión

‘The Boss’

Estou traballando por un soño Aínda que ás veces o senta tan afastado Estou traballando por un soño E para que sexa meu algún día.


(Estrofa da canción ‘Working on a dream’) D espois duns días de relax, aquí estamos de novo para falarlles de alguén que sinxelamente é o mellor. O mellor cantante. O mellor guitarrista. O mellor autor. As mellores cancións. A mellor banda. O mellor directo. E nembargantes non é un mito, non quere selo e esfórzase por amosar o seu lado máis humano e ao carón da xente. Contan que nun dos seus concertos, cando chegou ao hotel e lle dixeron que os e as fans que o esperaban á porta levaban horas alí, el achegouse e díxolles: ‘Non vale a pena que esteades aquí, a miña música é mellor ca eu mesmo’. Probablemente, non caer nas extravagancias doutros grandes da música e amosarse coma un cidadán máis é o que lle fixo gañar o cariño e a admiración tanto dos seus fans como daqueles que aínda que afastados da súa música sempre o respetaron. Para que un artista ‘sexa o mellor’ non fai falla precisamente que sexa o mellor, senón que saiba transmitir a súa arte, que consiga unha conxunción perfecta co público, o que algúns chaman ‘maxia’ e outros chamamos ‘duende’, e isto o ‘xefe’ faio de marabilla. Como o consegue?, créanme iso non se pode explicar, haino que vivir.


E logo, está a súa música. Esa perfecta conxunción que consegue co público fala de sentimentos, da vida, das persoas. E son precisamente as letras das súas cancións, letras crúas, próximas á realidade da xente corrente, á súa loita por sobrevivir, o que fai que os seus seguidores vexan nel non só a un artista senón tamén a un home que comparte os seus problemas. Foi a voz da denuncia contra o racismo no seu país co seu ‘American Skin’, a dos que viven á marxe da sociedade da opulencia americana en ‘Darkness on the Edge of Town’, denunciou a homofobia e a marxinación dos doentes da sida en ‘Streets of Philadelphia’, a hipocresía social ante a pobreza e as tradicións americanas en ‘The Ghost of Tom Joad’, a falta de liberdades da administración Bush en ‘Magic’, cantou contra a guerra de Vietnam e a de Iraq, respostou aos atentados do 11-S con ‘The Rising’, explorou as relacións de parella e os medos e carencias persoais en ‘Tunnel of Love’,...


Agora, co seu ‘Working on a Dream’, Bruce Springsteen tráenos un berro de esperanza e ilusión por un mundo diferente. Din os expertos que a música de Springsteen reflicte a súa vida en cada momento e viceversa.


Acompañado pola súa banda de sempre, a E Street Band, Bruce Springsteen chegou a Santiago e deu unha lección maxistral de entrega, de enerxía, de sensibilidade, de rok xenuíno e de música sen máis. Amosounos que non fan falla grandes efectos especiais nen zarandaxas, só boas cancións, boa música e ‘suar a camiseta’. Nen a pésima organización puido empañar o acontecemento. Creo que presenciamos o mellor directo non só das nosas vidas senón do mundo.


Unha recomendación final deste álbum, ‘The Wrestler’, Globo de Ouro e Premio da Crítica e un dos temas da excelente película ‘O loitador’, e na que nos fala de loitar e ollar cara adiante para sentirnos ben con nós mesmos. E un desexo: chegar aos sesenta anos con esa enerxía e bo facer.

Te puede interesar