Opinión

Tibet, entre o divino e o humano

Levo case unha semana tentando escribir algo sobre o que está a acontecer nesta misteriosa rexión e atopeime con que non sei e quero saber, con que a información que nos chega polos medios de comunicación dáme a impresión de estar sesgada, de non tentar informarnos senón posicionarnos e isto, perdoen a expresión, rabéame. Por poñer un exemplo, hai uns días lía un artigo nun xornal de tirada nacional onde o seu autor describía ao Dalai Lama coma un Quixote, pero con túnica, claro. No intres en que lía o marabilloso que era ese señor, pensei, e isto é Historia, no goberno feudal e escravista, no que os Lamas posuían as terras e o pobo os servía. Pensei nos capesiños, servos atados á terra coma na Europa Medieval. Pensei que o ’país das neves’, ata 1950 era un estado feudal gobernado por unha dictadura teocrática na que o Dalai Lama e a súa camarilla de monxes exercían un poder absoluto sobre vidas e facendas...


Uns días despois escoitaba unha tertulia radiofónica, na que un ilustre comentarista loubaba as marabillas que o goberno chino fixo no Tibet: escolas, estradas, hospitais,... e volvín a pensar. Pensei na enorme brutalidade e represión que supuxo a invasión china. 800.000 tibetanos mortos son moitos mortos e 6.000 mosterios destruidos é moita destrucción. ¡Por favor!, un pouco de rigor. Recoñecéndolle, por suposto, os case cincoenta anos que o Dalai Lama leva no exilio preconizando a política de Non Violencia e a súa firmeza na defensa dos valores humanos básicos é tamén de xustiza dicir que ata 1951 o país que el gobernaba, posto que era e é para os tibetanos a máxima autoridade non só relixiosa senón tamén política, estaba dominado polas institucións feudais e o 95% da poboación eran servos que vivían nunha situación de verdadeira escravitude adscritos aos mosteiros e aos señores feudais vencellados a eles. Logo os chinos entran no país coma un elefante nunha cacharreiría co pretexto de liberar ao pobo tibetano do xugo do feudalismo e coma o cabalo de Atila, que segundo a lenda por onde pasaba nada voltaba a medrar, destrúen todo nun intento de borrar todo albexo de estructura política, relixiosa e cultural do pobo tibetano. Fixeron o que fan tódolos invasores, instaurar a política da eliminación: eliminar a maneira de pensar, a cultura e os costumes, e como soe ocorrer o remedio foi peor que a enfermidade. E pensando, pensando, pensei no pobo, na xente, nos que sofren en silencio e non saen nas páxinas dos xornais nen nas imaxes das televisións. Durante séculos o Tibet permaneceu agochado por un veo de misterio e creíase que era un paraíso, un Shangri-La onde a xente non avellentaba nunca. Alguén o describiu coma un xigantesco mosteiro poboado por unha nazón de monxes, e non andaba errado. Actualmente calcúlase que, a pesares das persecucións levadas a cabo polo Goberno chino, dos dous millóns e medio de habitantes que ten este territorio un tercio son monxes e monxas que se reparten en 1.700 templos e mosteiros.


Todo no Tibet é relixión, filosofía e espiritualidade, dende as velas que arden nos seus templos e mosteiros ata as coloridas banderolas, os cabalos do vento, e os muíños para a oración. No Tibet falta auga corrente, servizos sanitarios, vivendas acondicionadas e comida pero xa se sabe que non é un lugar para o corpo senón para o espíritu. Pensei que como uns e outros están tan interesados no seu futuro e benestar deberían pereguntarlles que é o que eles queren. E pensei no inxenua que son. Tíbet, ademais de ser riquísimo en minerais, ten unha gran importancia económica, xeopolítica e estratéxica. E pensei nunha belísima oración que todo visitante debe dicir tendéndose no chan cada tres pasos cando visita os seus mosterios: ’Botándome no chan tan longo como son estou medindo a inmensidade do camiño. Entre os meus dedos vexo pasar rapidamente as brancas nubes. Pouco importa o empinado das pendentes: subirémolas como chanzos dunha escaleira ao ceo. Encadeando os nosos pasos, un tras outro, recorreremos longos campos. Como seguen, folla por folla, as páxinas dun libro de plegarias’. Que así sexa.



Te puede interesar