Opinión

Carta ós papás

Non o dubides nin un momento, papi, que todo o que me entregues, dareicho, por eso non escatimes bicos, nin abrazos, nin palabras sensatas que me axuden a andar o camiño. Empúxame sen obrigarme, máis ben esperta o meu interés, valórame sen agobiarme, queréndome polo que son sen compararme con ninguén, pois todos somos únicos. Non o dubides, papi, todo o que sementes en mín dará o seu froito, por eso prepara ben a terra fértil da paciencia e da comprensión, e cultivaremos xuntos a ilusión, o esforzo e a alegría de vivir, xa verás, seremos un equipo perfecto.

¡Non ves que te estou mirando sen que me vexas!, que aprendo a cada instante de ti, que estudo cada día no libro do teu humor, das túas expresións, da túa seguridade e altruismo, do teu don de xentes, da túa inquedanza e imaxinación, do teu espíritu científico, do teu sentido musical; se ris, se les, se cando chegas á casa abrazas á mamá, se animas ós teus amigos, se respectas ós avós, se acaricias ó canciño, se cantas mentres te duchas…

Papá, por todo eso que sabes que me dás, e polo que nin sospeitas… e é bo para mín. Por todo o que me entregas, por todo o que aportas para o meu ben, por esa túa mirada quente e plácida coa que me indicas por onde dirixirme, pola palabra fermosa que me lanzas e o silencio que me agarima… Non o dubides nin un minuto, papi, que se todo mo transmites con ese teu calor, un día serei un home coma ti e mirarasme orgulloso e complacido e eu dareime conta do valor de ser feliz.

Te puede interesar