Opinión

FRÍO

Entrou na cova o esquío e quedoulle o rabiño asomándolle un pouco. De súpeto meteuno todo dentro deixando ver o seu fociño cos bigotes brancos cheos de carambelo.


Xa ten o ratiño as provisións a medias porque comeu de máis para combater o frío destes días. As formigas bailan a danza da risa dentro do seu formigueiro, pois descubriron que movendo a barriguiña danlle calor á vida. Dona Toupa dorme un soño profundísimo, ¡menos mal! Así non escoita os ronquidos do seu home, o Toupo Durmillán. O séquito da Abella Raíña xa empezou a limpar o novo trono e velan da súa señora dispostos a formar o fiel e leal exército que entregará a vida polo tesouro dourado. Arrimados están o raposo e a raposa para notar a calor do sangue baixo a pel. Os seus rabos entrenzáronse de tal maneira que formaron unha imaxe que parece un oito. O sabio moucho non canta tanto estas noites por medo a perder a voz, pois agárdao 'un concerto importante en breve'. Dona Curuxa peitea os seus cabelos brancos antes de se deitar. Entre as follas douradas da árbore e a xeada, aparece ela ?digna e gloriosa-coma se fora a Sacerdotisa da Noite, recitándolle versos á lúa chea que invade todo o monte co seu brillo. A neve cubre co seu xélido silencio as casas e os tocos dos animaliños. O noso gatiño mira pola ventá, sacode os cadrís e busca refuxio entre as mantiñas suaves e os algodóns cos que lle fixeches a cama. Diu algunha volta máis pero pronto queda quedo, colocado, mimoso, cos olliños pechados e o corpiño quente. E nós -poetas trovadores? sentimos que todo ten sentido, que todo se mece acompasado pola música das estrelas que 'tiritan azules', meu amor, tamén co frío.

Te puede interesar