Opinión

Mestres amorosos

Fin de curso, outra vez… Meu neno como medras! Máis chea de paxariños libres e de bolboretas de cores está a túa cabeciña de soñador cada curso. Na bendita tarea de conseguir que sexas un home de ben, cheo de proxectos e ideas fermosas, con alegría de vivir e forza para realizarte nos teus soños, non intervén só a familia, debes sabelo ben, meu neno, que es tamén fillo do cariño, esforzo e dedicación que os teus mestres depositan en ti. A dozura coa que che explican todo canto existe: onde estamos e por que, como somos, de que estamos feitos, que nos move e que nos arrodea, que nos fai vivir, porque somos aire que respira, corazón que bombea a vida, estrela que mira ó ceo para ver outras estrelas…

Os mestres, meu neno, non só che deixan o saber, son a corda que te une á calor da sabedoría para sempre. A súa mirada compasiva cando tiveches erros, o seu cariñoso trato será algún día lembranza, recordo precioso, admiración e gratitude, que co paso do tempo tanto valorarás. Son os nosos mestres os nosos formadores, sobre todo eses que admiramos especialmente, guías e influenzas positivas no andar da vida. Verémolos pasar pola rúa e pararémolos para falar, ou –se temos o día romántico- mirarémolos dende lonxe encubrir entre casas e semáforos entre o fume da vaporosa nostalxia, sen que saiban nunca que os levamos en nós. Eses mestres que transmiten moito máis que números e letras, océanos ou hemisferios, eses son artífices de pequenas (grandes) fórmulas que van conformando o ser humano. En cada alumno tocan o home, medida de todas as cousas, diminuto pero inmenso cada vez que as súas mans soñan con tocar o ceo. A todos os mestres que dades amor, grazas

Te puede interesar