Opinión

O meu acordeonista máis querido

Calquera día, así de outono, de chuvia e frío, de doce melancolía, calquera día é o mellor momento para dicirlle á xente o que se sente, e cando se trata de artistas, querido lector, xa sabe vostede, eses seres que viven a vida intensamente, eses que son coma nenos, todo ilusión e sentimentos, a eses hai que recordarlle con frecuencia o valor da súa arte.


Moitos son os ilustres músicos que deu e dá a nosa terra, ela que sabe tan ben facer nacer no seu amoroso seo a homes e mulleres de virtuosa talla, por eso, permítaseme hoxe adicarlle este artigo a quen está cumprindo anos, a ese home que é o meu músico máis querido. Pois é quen meceu cos seus compases a miña máis linda infancia, aquel que me alimentou co ritmo do baile nativo que fai ferver o sangue e danzar os pés.


Aquel que, soíño, abrazado o seu acordeón, encheu bares e amenizou vodas. Por eso, aínda que a mín me seduce o saxo, e me encanta a guitarra, a pesar de que me encandila o piano e me dorme entre musas a frauta; cando escoito o acordeón do meu músico máis querido, volvo o ventre da miña nai e son aquela nena que aínda non naceu e que escoita dende dentro as alegres e bailarinas notas entre o rumor de xente que canta chea de felicidade, entoando a máis fermosa canción de tódolos tempos.


Así quedou en min, na mente e na alma, esa melodía amiga que me guía e que fai que me abrace a todo aquelo que leva canción.


A ese home que deixou, entre clave de sol, gravado en min o ritmo da palabra e da ilusión: felicidades, papá.


Te puede interesar