Opinión

Misterioso Nadal

No Nadal veñen os recordos primeiros á nosa mente que quere volver ser nena. ¡Deixarémola por hoxe volve a soñar! Deixarémola, recuperaremos entón o doce sorriso da inocencia florida, daquel neno que fomos ávido de regalos e ideais, aquel neno o que lle chegaba o calor para mdrar, un bico para alimentarse, unha caricia para ensoñar, unha palabra para sentir que aquel tempo era un tempo especial e único, digno de recordar sempre. Os papás e as mamás pintabannos a realidade coa cor máis fermosa, coa que máis nos gustaba: chamábase fantasía. Con ela as portas do imaxinario abríanse de par en par para nós.


Por eso, recibíamos ó neniño Xesús e parecía que ceaba alí, da nosa humilde cea, que durmía na nosa humilde cama, e compartía a riqueza do noso grandioso e xeneroso corazón. Por eso aquela compaixón infantil -¡igual que unha amorosa casa- non se esquecía de agarimar á mula e o boi (que non deixaban morrer de frío ó neno) nin ós camelos dos Reis porque podían aterecer. Alí cabían todos: a mente daquel neno que fomos tiña calor infinito, incansable, inesgotable, amor para todos e todo. Din os sabios que ‘o corazón que máis dá, é o que máis ten para dar’, e eso debe ser o misterio que escondía aquel pequeno corazonziño do neno que fomos. Todos xuntos e aquí. Todos á calor do lume, achegadiños, sentindo o candor que brota da pel e das nosas mans unidas.


Mirábamos o pesebre e cantabámoslle cancións, aquelas que facían ferver o sangue do neniño de Belén. E nos, pequerrechiños, sorriamoslle ó pensar que éramos importantes e útiles para aquela peza de barro que durmía entre palliñas e recobraba vida no noso colo.


Misterioso Nadal ¡bendito sexas! porque abres a porta que xamais se pechará, a que me leva ó universo sereo e sutil, á poesía máis pura, á máis doce emoción da miña adorada infancia.



Te puede interesar