Opinión

O que permanece Mark Ritchie

Vamos viviendo una vida pensando que nada cambia y vemos la Naturaleza”. Estas son palabras do fotógrafo Mark Ritchie, que nos mostra a súa exposición no Centro Cultural da Deputación. Un australiano que fala dende o máis profundo do corazón e das ausencias, das lonxanías que non poden alimentar a nosa terra máxica, pero si poden axudarlle a paliar un pouco o romantismo da pedra e a grandeza dos nosos mares. El é un artista de viaxes e coñecemento, un home que camiñou para saber: Irlanda, Escocia, Xapón, Exipto, Portugal e Alemania, onde unha galega o namorou para traérnolo a nós aquí, a este lugar onde nos encantan os artistas.

O que permanece” é unha exposición que seduce, que nos fala do que fomos e somos, do que seremos, tal vez distancia… Estas palabras do fotógrafo, un home que en poucos minutos de conversa me recorda ó seu pai arquitecto –ese que condicionou a súa forma de mirar as cousas- e á súa nai – a quen non ve hai doce anos: “Si pudiera venir este año…”. Estas palabras, pronunciadas con ese acento extranxeiro e mesturadas en ocasións co galego, fixéronme lembrar “Memorias de Africa”, cando a protagonista interpretada pola magnífica Meryl Streep volvía atrás a mirada e recreábase no que se fora. Igual que esta película parece a historia de todos -ainda sen ter ido nunca de safari-, as fotografías de Mark parecen os ollos nosos cando, capturando por segundos un soño, quixeron facelo eterno e permanente.

“O que permanece” representa o pedaciño de ceo que todos tocamos algunha vez, ese mar onde bañamos o mellor de nós, esa pedra que parece que nos ve e nos escoita, ese castro onde enterramos o pasado, ese carballo de fortes raíces que nos incrusta na terra, no que é o noso ser, aínda que chore, ou bote de menos, ou se inquede, ou se sinta so, ou se distancie e pareza esquecernos, o que nos fai grandes é o que nos permanece. Mark Ritchie estanos falando de grandeza.

Te puede interesar