Opinión

O poeta do Parque

P ermítame hoxe, amigo lector, adicarlle este artigo a un home que pechou o seu quiosco por xubilación despois de moitos anos adornando coa súa presenza o benquerido parque das Mercedes.


O señor Pepe foi sempre un traballador infatigable. Foi segador en Castela, e emigrante no estranxeiro. Soportou -ademáis de diferentes traballos- o oficio esgotador nas conserveiras, nese sitio cheo de vapores nos que caían os obreiros patas arriba. ‘Cando me dixeron, nena, que só outro home e máis eu soportabamos aquelo e nos mantiñamos en pé, quixen saber quén era o valente para felicitalo. Un día presentouse a mín, só el i eu resistimos aquelo; o Pepe e o outro galego tamén, de terras do Carballiño. No medio do mundo, nena, coñecémonos, e os dous falabamos galego’.


Algunhas veces ó lembrar cousas así, emocionábase. Ir buscar o pan de Cea alí era entrar noutro lugar. Podíache recitar a Curros ou a Celso Emilio. Ama á súa terra profundamente, por eso podía compoñer versos criticando á sociedade materialista e inhumana coa que el cada día entraba en contacto (por sorte, sempre é unha minoría). A súa risa pícara afeita co fío da retranca que, coma para Castelao, non é máis que autodefensa.


Non se me esquece a mín que sendo o meu fillo un bebé, veulle a fame cando nos dirixiamos á casa, pero aquela maneira de chorar indicaba que o neno non aguantaba máis. Era inverno, chovía e había vento. O señor Pepe chamoume dende a porta da súa minicasa: ‘Entra se queres, nena, e dalle de comer ó rapaciño’.


E alí nos puxo unha caixa baleira de cervexas na que dobrou un xornal para que eu me sentara. Alí, no recuncho máis íntimo do pequeno quiosco había un milagre de amor, así o meu fillo mamou o leitiño morno da súa nai, mentres eu quentaba os peciños no calor da estufa que o señor Pepe colocara para nós.


Cando se fan as cousas co corazón, convertémonos en persoas importanes para aquel que as recibe tamén co corazón.


¡Poeta, saúde e longa vida!

Te puede interesar