Opinión

Ritual de ano novo

Vai entrando o tempo no tempo, e nós, querido lector, como barquiños diminutos no gran océano da infinitude entramos con el, da súa man, pedindolle ós astros que os ventos nos sexan propicios. As 12 uvas serán 12 desexos, 12 velas para arribar -convencidos- a bo porto. (Ben o merecemos nós, que somos xente boa e xenerosa). Non perderemos detalle no ritual: no vaso de cava meteremos algo de ouro (¡coidado, non tragues o anel!). A ramiña ou folliña de loureiro será o pousavasos, da copa coa que brindaremos cos que queremos. Cando rematen as campás que abren o novo ano, daremos un paso adiante co pé dereito (por aquelo de empezar con bo pé) sen esquecernos de levar posta algunha prenda vermella para que a paixón polo que imos emprender se apodere de nós.


Daremos bicos, apertas, contaxiaremos alegría ós que nos acompañan de cerca, ós que son parte da nosa respiración; e despois entraremos en nós e miraremos ó ceo dándolle as gracias polo que el ten aí -entre azuis- gardadiño para nós, no seu cofre de soños. Fusionados nese silencio cómplice, prometerémoslle ser mellor a cada paso, máis letal, máis nobre, máis humano, para que así o ceo, orgulloso de nós, nos depare o que realmente é importante, e lle quede moi claro que seremos un excelente capitán tripulando a humilde nave da nosa vida. No tempo entramos e tempo somos, así que ¡feliz travesía, lector amigo!, próspero ano para todos vós, tantas veces cómplices do meu poético latido.


Te puede interesar