Opinión

SETEMBRO

Xa abre as súas portas setembro, e ensimesmado avanza polo camiño encantado entre rosas e carballos, cargado de lembranzas de mares e días azuis, ceo limpo, corpo ó vento, barco e risas, fontes frescas, miradas e versos de amor sempre presentido. Setembro, renóvanos a luz, ¡que non se vaia de nós tan caprichosamente indiferente! Alonga este lusco e fusco tan romántico que quero ver como os teus ollos fermosos resplandecen neste baile de sol e sombras? Garda para sempre a flor deste día alegre, como candea incandescente que alumará o templo sagrado dos nosos bicos. Envíanos un aire soñador -brisa marina- que sacuda as monótonas horas e esperte o pedazo de Deus que nos xoga na alma. Setembro, mes apacible e restaurador de ánimos, que no sereo solpor hipnotizas coa túa beleza sublime, escribe no noso corazón o poema máis doce e ven ó noso encontro como ti sabes, tímido pero entusiasta, conquistador de mírada pícara, lanzando momentos de reflexión onde o espírito abra, ante a grandeza, as súas ás tan inocentes. Con sosegada intelixencia saberemos pasear esperanzados polas túas seductoras sendas. Saberemos facer que non se murche nos nosos ollos a luz, que non inverne, que a delicada primavera faga neles a súa casa -protexida e fiel- espallando pequenos raios humildemente en tibia ensoñación. Saberemos dicirlle ó corazón que camiñe paseniño xunto a ti, co suave danzar co que vai de flor en flor esta anxelical e graciosa bolboreta.

Te puede interesar