Opinión

AGASALLOS

Agasallos de Nadal. O seu pasado e o seu presente. Un pasado referido aos tempos de cando eu neno, e a un lugar moi concreto, o meu pobo de nacenza. Vaia isto como aclaración por se o relatado aquí non se correspondese co vivido por outras persoas.


En Viladerrei, na noite de Nadal, non había regalos para ninguén. O feito de que esa noite, e aínda que con excepcións, estivese a mesa ben servida na maioría das casas (pulpo con cachelos, cocido, bacallau, ¡pan trigo!, figos, pasas), só nun sentido moi amplo poderían considerarse coma regalos aquelas cenas. Sen regalos, pois, na Noiteboa. E tampouco no Ano Vello, nin no Aninovo. Tan só na noite de Reis había algún agasallo para os máis cativos. Pero pouca cousa. Cando os Reis Magos chegaban a Viladerrei, as alforxas dos seus camelos xa viñan case valeiras. Para cada neno non había nada máis ca 'Unha peseta e catro figos envolvidos nun papel', como, con resignado desencanto, se cantaba por entón. Para algúns, e non por malos, non había figos nin pesetas.


En cuestión de agasallos, ¡que diferenza daqueles tempos cos tempos de hoxe! (aínda que en adiante, con isto da crise, veremos no qué queda). Pero o que é ata agora... Dende a Noiteboa ata Reis, case ningún día sen regalo. Para rapaces, mozos e vellos, que para todos ten habido. Regalos de toda especie, dende os máis correntes ós máis peregrinos. Xoguetes, roupa, reloxos, teléfonos, ordenadores, consolas, tablets. E tamén vales, abonos, entradas para espectáculos.


Propostas que están chegando estes días: 'Como regalo de Navidad, obsequia a tu pareja con la mágica Tacita del Amor. Efectos milagrosos'. 'Premie a su hijo con un móvil inteligente en consonancia con él'. 'Embarque a sus suegros en un crucero de ensueño por el Mediterráneo rumbo a Estambul. Y felices fiestas para usted'. 'Si su nene es agresivo, cómprele un burrito y pronto mejorará su carácter. Garantizado. Se lo ponemos en casa sin gastos de envío'. 'Su padre vive el fútbol con pasión. Lo sabemos. Póngase en contacto con nosotros y le enviaremos entradas para los partidos de su preferencia'. '¿Le gustaría presumir de marido como galán de juvenil cabellera? Sorpréndelo en estas Fiestas con un bono-vale para implante reparador. Llámenos en horas de oficina. Nos lo agradecerá'.

Te puede interesar