Opinión

CAMIÑO

Do 15 de setembro ó 2 de outubro, o Museo Municipal de Ourense deu acollida á exposición 'O camiño real de Castela a Santiago por Ourense, base do camiño de peregrinación Vía da Prata'. Unha exposición que, tomando como referencia o libro do mesmo título da profesora Yolanda Barriocanal, pretendía dar a coñecer a realidade histórica desta ruta, o proceso da súa formación e a impresionante riqueza do seu patrimonio artístico. Dicía que a exposición tomaba como base o libro de Yolanda Barriocanal do mesmo título. Libro moi denso do que aquí me resultaría imposible facer sequera un resumen. Tal a abundancia de documentos, fotografías, gráficos, mapas, planos, bibliografía. Unicamente resaltar que estamos ante unha obra dun valor extraordinario. Xa que aparte de recoller as sucesivas fases de construción e consolidación do camiño, ó longo das súas páxinas vainos dando conta detallada do patrimonio cultural dos distintos pobos polos que discorre a vía; e, tamén, da súa historia, da súa paisaxe, dos seus modos de vivir.


Permítaseme que recolla aquí un acontecemento ocorrido no meu pobo de nacenza (Viladerrei, 'señorío real', vila amurallada, na que houbo cárcere e picota), e que figura no libro ó que veño facendo referencia. En xuño de 1506 produciuse en Viladerrei un altercado entre os lansquenetes (soldados alemáns que acompañaban a Felipe el Hermoso e Juana la Loca na súa viaxe de Flandes a Castela), entre os lansquenetes e 500 homes da vila. Segundo un cronista flamenco, estando os reis en Viladerrei, un numeroso grupo de paisanos, que buscaba pelexa cos soldados alemáns, emprendérona a golpes cun deles quitándolle o diñeiro que levaba e as cereixas que acababa de mercar. O alemán, por se defender, botou man dunha daga pero de nada lle valeu xa que ademais de recibir unha pedrada na cara, uns cantos homes armados de coitelo saltaron enriba del. Provocando a loita aberta de todos contra todos. Tivo que intervir o rei en persoa para evitar que aquilo acabase en feroz baño de sangue. Ata aquí, a crónica do flamenco que a min se me antolla infantil e interesada. Cuestións moito máis graves ca dunhas simples cereixas tiveran que haber (saqueos, abusos, violacións) para que todo un pobo, pobo humilde, se levantase en 'armas', con fouces e coitelos, contra os temibles lansquenetes alemáns.

Te puede interesar