Opinión

COINCIDENCIAS

Omesmo día en que a axencia Standard&Poor's lle daba á débeda española a cualificación de bonos basura, o día en que esa axencia ameazaba con baixar o rating de importantes empresas españolas (ente outras: Iberdrola, Gas Natural, Red Eléctrica Española, Telefónica, BBV, Banco de Santander), pois ese mesmo día facíase pública a noticia de que un ex-directivo do citado banco abandonaba a entidade recibindo máis de 60 millóns de euros entre xubilación e outros complementos. Coincidencias que talvez teña unha explicación posible, pero que a min se me escapa.


Mundo enmarañado, este dos diñeiros, que engloba en rara mesturanza: bonos basura, débeda pública, cualificacións crediticias, moderación salarial, 60 millóns de euros, rating AAA, rating B-, déficit público, créditos subprime. Un mundo que gobernan, ó seu aire, as chamadas axencias de cualificación. Entre elas, a citada Standard&Poor's. Axencia, na actualidade tan rigorosa, e que tanto mira polo noso ben, pero que no seu momento non soubo ou non quixo ver como a empresa de enerxía Enron enganaba á xente, ou como a financeira Lehman Brothers ocultaba a súa quebra. Ou lle daba a máxima nota a España en pleno festival do ladrillo, de tan malas consecuencias para nós. Daquela, non había malos informes, e todos contentos. Pero agora, como non nos gusta o que di, bramamos a diario contra a axencia. Fuera, fuera, que ya bastante daño nos hicisteis. ¡Malditos! E con este fondo, xa se adiviñan os primeiros movementos para montar unha axencia a nosa medida. Unha axencia, que non diga nin unha palabra do déficit, nin da débeda pública, nin do desbarate, nin da corrupción, nin de nada que nos deixe en mal lugar; unha axencia, en fin, que se dedique en exclusiva a facer alarde das nosas glorias.


No tocante a outra cuestión, tan só poñer de relevo a elocuencia dunhas cifras, que falan por si solas. Para os que vimos de tempos antigos, transformamos os 60 millóns de euros en pesetas e sáenos unha cantidade de mareo, 10.000.000.000 de pesetas; máis ou menos. Á vista destas cifras, haberá quen saque conclusións nun sentido, haberá quen as saque en sentido contrario e haberá quen non saque ningunha conclusión; que así de diversa é a vida, e cada cal co seu pensamento.

Te puede interesar