Opinión

FUTURO

Segundo publicaba o xornal Expansión vai uns días, Bankia parece estar interesada na subasta pública de Novacaixagalicia. E con Bankia, outros tres ou catro bancos españois de gran potencia. Moi interesados. E coma se á caixa galega non lle quedase outra saída que a da subasta. ¡Pois, vaia panorama!


Recordo nestes momentos a lea que se montou entre as cidades de Vigo e da Coruña durante o proceso de fusión de Caixanova e Caixagalicia; proceso no que estiveron moito máis preocupados, ambas, pola ubicación da sede central da nova entidade que pola viabilidade da mesma. 'La sede central tiene que estar necesariamente en La Coruña porque nuestra caja es mucho más importante que la otra. Eso lo entiende cualquiera, a no ser que sea parvo'. 'Por lo que dice la gente que sabe, Caixanova está mucho más saneada que la de La Coruña, por eso pienso que la nueva caja tiene que estar en Vigo'. Ao final, despois de varios meses de disputa, chegarían a un reparto de compromiso que, en realidade, non deixou contentos nin ós dun lado nin ós do outro. Total, tanta querela, para que agora os da competencia, sen ocultar a súa cobiza, estean a dar xa por feito o negro futuro que lle agarda a Novagalicia Banco.


Futuro que tampouco pinta nada ben para os aeroportos galegos. Situación preocupante, e motivo para novas liortas. Segundo os datos que acaba de facer públicos AENA, e referidos ó conxunto dos tres aeroportos galegos, no pasado mes de xaneiro contabilizáronse 30.000 pasaxeiros menos que en xaneiro do o ano anterior. Con diminución do 2% en Lavacolla, do 20% en Peinador, e do 15% en Alvedro. Diminución nos tres, si, pero en porcentaxes moi distintos. Uns datos que están a reavivar unha porfía que ven xa de lonxe. Agora ben, nisto dos aeroportos, e a diferenza doutras cuestión, aquí a contenda máis aceda non está a librarse entre as cidades da Coruña e Vigo, senón entre coruñeses e vigueses, por un lado, e composteláns, por outro. 'Para el aeropuerto de Lavacolla, todo. En cambio, para Alvedro y Peinador, nada. ¡Ya está bien de favoritismos!' 'A ver, ¿temos nós a culpa de que a maioría dos pasaxeiros prefiran Lavacolla?' Teima que teima . Unha disputa que cesará cando todos asumamos que os intereses xerais de Galicia deben primar sobre localismos mesquiños. Xa, xa!

Te puede interesar