Opinión

MÉRCORES

Se daquela o dono de Galerías Preciados (cadea española de grandes almacéns do século pasado) tivese saído adiante coa súa teima, hoxe, xunto coa imposición da cinsa, estaríamos a celebrar o Día dos Namorados. Ou o que é o mesmo, a festa de San Valentín. Algo que sen dúbida estrañará a moitos ao non encontrar ningunha relación entre unha celebración e a outra, tan diferentes as dúas. ¿Logo así? Repasemos algo de historia por ver de aclarar o misterio.


Empezarei por dicir que tiven as primeiras noticias de San Valentín sendo eu adolescente. E como por casualidade, buscando nun libro de santos a historia do santo do meu nome, Mario. San Mario, nobre de orixe persa que en compañía da súa dona e dos seus dous fillos se dirixiu a Roma para reconfortar aos cristiáns que, por orde do emperador Claudio II, sufrían persecución. Persecución que pronto alcanzaría tamén a eles, con torturas e morte cruel. Nunha nota ao pé de páxina apuntábase que uns anos máis tarde San Valentín correría igual sorte que aqueles. Un informe que puiden completar noutras páxinas do mesmo libro onde, aparte do relato de sufrimentos, se contaba que nalgúns países de Europa e de América declararan a festividade de San Valentín como día dos namorados. Rara mesturanza entre martirios e namoramentos que, ó meu entender, non me acababa de cadrar. Nin antes, nin agora, por máis que se lle teña buscado apoios nun poema de Chaucer (o dos contos de Canterbury) onde se di que a festa do Santo coincide co inicio de amores entre paxariños. Pasado un tempo, toparíame de novo con San Valentín nunha película de moito éxito ('Las chicas de la Cruz Roja') e na propaganda de Galerías Preciados incitando ós namorados a que o 14 de febreiro, día de San Valentín, lles fixen algún regalo á súa parella 'Y el mejor regalo, en Galerías Preciados'. Tanto o éxito de ventas que, segundo se dixo, o dono de Galerías a punto estivo de conseguir, mediante influencias, que todos os días de febreiro fosen declarados días de San Valentín. Certo ou non, algo debeu haber xa que as autoridades eclesiásticas, talvez alarmadas, no ano 1969 tomaron a decisión de retirar a San Valentín do santoral de febreiro.


Por iso lles dicía o do comezo, e no caso de que o dono de Galerías Preciados tivese saído adiante coa súa teima.

Te puede interesar