Opinión

PROGNÓSTICOS

Pois é o da información meteorolóxica un dos espazos da televisión que sigo con maior interese. Cada cal ten as súas manías, e unha das que eu teño máis asentadas é a do prognóstico do tempo. Un interese que ven de antigo, de cando os presentadores de televisión debuxaban as isóbaras cun xiz. Tempos, aqueles, nos que un home (Mariano Medina), pegado a unha vara, ía sinalando nun mapa mudo os lugares con choiva, os lugares con neve, os lugares con sol, 'y las nubes alternándose y sucediéndose al paso de la borrasca'. Iso na Televisión Española. Que, na Galega, teríamos que esperar algúns anos máis a que o entrañable Santiago Pemán cubrise con 'nubes espalladas' o mapa das catro provincias galegas ou metese espanto nas nosas casas co relato de terribles maruxías. Qué distinta a precariedade de recursos cos que traballaban aqueles entusiastas pioneiros, da abundancia e sofisticación de medios dos que dispoñen agora as distintas cadeas. En maior medida, a Televisión Española. Imaxes do satélite Meteosat, mapas isobáricos animados, tecnoloxía dixital na elaboración de gráficos e mapas, vídeos e fotografías do día das distintas comarcas de España. E profesionais moi ben preparados.


A pesar dos avances experimentados pola meteoroloxía actual, seguen existindo variables de difícil control que ocasionan fallos na predición do tempo, sobre todo a medio e longo prazo. Incluso, en ocasións, en prazos moi curtos. Moitos seguimos a ter memoria de choivas que, anunciadas torrenciais, se resolverían máis tarde nunhas cantas pingadelas. Ou furacáns que ía ser de arrasar, e que logo quedaron en leve brisa. Ou de neves que, sen previo aviso, paralizaron o tráfico de todo un país.


Rematemos cunhas liñas de historia. O responsable da información meteorolóxica (Eugenio Martín Rubio) levaba anos lucindo con orgullo o seu bigote. O inverno viñera moi seco, e na primavera non caera nin sequera unha gota. Abatemento xeral. Ata que por fin, o meteorólogo, que sabía dunha borrasca que se aproximaba, anunciou solemne por televisión 'Mañana va a llover, en Madrid. Estoy seguro. Tan seguro que si no llueve, me afeito el bigote'. Pois ó día seguinte non choveu nin en Madrid nin en ningunha parte de España. E don Eugenio, que era un home de palabra, apareceu na pantalla sen bigote.

Te puede interesar