Opinión

PROSPERIDADES

Ourense tiene la pensión media más baja de España'. Era noticia que publicaba en portada o xornal La Región o día 26 do pasado mes de outubro, engadindo, xa no texto, que segundo o Instituto Nacional de Seguridad Social, era a única provincia española que non alcanzaba os 600 euros de pensión media. Soa forte a noticia; a única de España que non alcanzaba os 600 euros. Datos que, visto o precedente de entregas anteriores do propio INSS, a case ninguén collería de sorpresa. Como ninguén se estrañará que, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, Ourense ocupe os últimos lugares no PIB (Producto Interior Bruto), nin que, segundo o informe da Fundación das Caixas de Aforros, a nosa provincia ocupe un dos últimos postos na taxa de actividades económicas. Ou que sexa Ourense unha das provincias españolas coas taxas máis baixas de natalidade. E ninguén se estrañará, porque xa estamos curados de espantos. Os males veñen de antigo, moi antigo; diríase que de sempre. De aí ese espírito 'aventurero' (¡que broma!) dos habitantes da nosa provincia que os levou a buscala vida por eses mundos de Deus. Con diáspora masiva no século XX; cara a América, nas primeiras décadas, e máis tarde, para países de Europa.


Hoxe os tempos son moi outros, e da emigración xeneralizada daquelas épocas tan só vai quedando o recordo. Con todo, non puidera dicirse que desapareceu por completo, xa que cada ano hai moitos ourensáns que se ven na obriga de coller o camiño da emigración. Pero a diferenza doutras épocas, e aparte de perder o seu carácter masivo, en xeral afecta a estratos sociais moi distintos dos de aquela. Xa non son, salvo excepcións, campesiños os que emigran; na maioría dos casos, son xentes ben preparadas que buscan noutras terras a posibilidade de realizar unha actividade acorde coa súa formación. Certo que os emigrantes ourensáns de agora, a diferenza dos seus antecesores, non terán como única alternativa a de facerse cargo dos traballos máis humildes e penosos. Neste sentido, afortunadamente, a mellora é innegable. Pero por outro lado, tamén é ben triste que o esforzo de persoas de moita valía non estea a contribuír á prosperidade dunha provincia, a súa, a nosa, que de sempre ven estando a cola de España en case todo.


Ourense, ¿cando cambiará a túa sorte?

Te puede interesar