Opinión

Arco da vella

Cando chove e o sol agroma estalando coma unha margarida, pódense observar todos eses matices nos que o branco se subdivide ante os ollos. Entón, un sente o absoluto poder da marabilla que supón esa diversidade de tons completando a pesada lousa dunha cor única e indivisa. Porque a variedade constitúe o instinto propio da natureza que se ofrece coma un agasallo, un préstamo que nos evita vivir nun enorme latifundio uniforme e gris.


Así, a irregularidade xeográfica triunfa sobre a cuadratura do círculo, por exemplo, nese río Sil metido entre paredes montañosas, onde temos o privilexio de ondear coma unha serpe nun circuito que se abre ao mundo, tinxido de verde ou marrón, dependendo da estación. Somos afortunados porque temos fortuna, unha fortuna que, se cadra, non sabemos valorar na xusta medida. Que sería de nós se a terra fose toda dunha mesma cor, cun río único, coma a forza do silencio, cun transcuso ordenado debidamente, sen variacións? Seguramente perderíamos ese disfrute dos sentidos que nos proporcionan a capacidade para ulir, ver, ouvir, apalpar e mesmo degustar froitos distintos. Eu non podería imaxinar un mundo que ulise todo el a xazmín. Que terrible agonía non poder coñecer o aroma da rosa ou do caravel! É evidente que non soportaríamos tanto branco sobre nós.


Por iso, considero que é necesaria a variedade, a proposta plural, a diversidade lingüística e política pois a nosa esencia marca unha necesidade imperiosa de diferenciar o negro do azul para poder elixir. Agora, nesta España multiforme e conxestionada, as forzas políticas redúcense, curiosamente, a dúas, PP e PSOE. O resto dos grupos políticos case non teñen representación así que nos debates sesudos destes representantes do noso marabilloso invento político (falo da democracia, por suposto) todo se decidirá nunha constante lucha de titáns por prevalecer e, se poden, obter algún apoio dos diputados que andan soltos pola sala. Dous únicos puntos de vista, dúas posibilidades. Non está mal, podería ser peor e existir unha única conque, se isto serve para consolar os grupos radicais da esquerda (este foi o adxectivo que empregou Acebes, tan centrado el) aceptaremos a inoperatividade de ser unha minoría tan minoría, manipulada por eses que preconizaban a necesidade do voto útil para combatir ao lobo porque infundindo medo ante a posible vitoria do PP, a campaña política de Zapatero deu resultado, IU e ERC derrubadas e o BNG con dous diputados.


Así están as cousas e o tsunami electoral, como moi ben apuntou Llamazares, favorece o bipartidismo que reduce o amplo abano de cores a só dúas. Isto de ter unha única alternativa para concretar decisións políticas lémbrame a ese turnismo de Cánovas e Sagasta do que falou no seu día Galdós. Como ven, antiga e rancia esta polaridade política. Onde están os puntos de vista complementarios que conforman a nosa sociedade?

Te puede interesar