Opinión

Artes amatorias ou babosadas?

Estamos no tempo de lecer. Os días de repouso na praia, ou na montaña, permiten desfrutar das persoas queridas, partillar con elas actividades que nos agradan e tamén pensar con máis claridade, porque ese “relax” proporciona certa perspectiva e isto non só é moi bo, mais necesario. No entanto, a devandita perspectiva vén determinada, principalmente, pola separación física dos lugares de conflito. Malia todo, é a diversión o que máis e mellor axuda nisto de desconectar. Mais, como divertirnos? Pois como se poida e queira. Haberá quen elixa deportes de risco ou paparotas coas amizades ou sesións intensivas de sol, estirando o corpo na area e nadando no mar... Todas as opcións son válidas sempre que sexan elixidas por vontade propia, evidentemente.

Porén, hai entre todas estas posibilidades e outras tantas que sería imposíbel enumerar aquí, unha que é bastante común. Non só no verán, aínda que talvez nesta estación do ano si se incremente. Refírome ao de saír pola noite. En efecto, iso que denominamos “ir de copas” é un dos divertimentos con máis adeptos e adeptas, porque, en principio, leva implícita a risa -un das emocións máis estimulantes- e rir é algo que agrada a todo o mundo. Iso si, non só será o humor o que inste as persoas a deixarse caer polos locais nocturnos.

Existe outro incentivo poderoso: ligar. Mais que é iso de ligar? De entrada, os dicionarios recollen un uso coloquial deste vocablo asociado a “coquetear con alguén do sexo oposto”. Sen entrarmos no carácter patriarcal implícito nesa definición do termo, pois hai quen gosta tamén de coquetear con persoas do mesmo sexo e isto non o recolle o dicionario, ben poderiamos pensar nesa acción de ligar como unha deriva errática do que outrora foi a arte da sedución, agora, en moitos casos vulgarizada por unha mal entendida liberdade de “ataque”.

A sedución é a arte da conquista sexual -non ten por que mediar o amor- na que o principal obxectivo é “capturar” a atención da persoa que nos atrae. Nese intento hai quen sabe desfrutar do proceso e gosta de o dilatar, xerando distintas intensidades no seu achegamento ao outro, ou á outra, e hai tamén quen se obceca na finalidade e experimenta certa ansiedade polo “galardón” que arela obter. Neste sentido habería que distinguir entre persoas sedutoras e persoas confiazudas, porque unha das “normas básicas” da sedución é respectar o espazo persoal, ese ámbito que pertence só ao “eu” e que unicamente pode ser traspasado con consentemento da persoa demandada. Porque non sempre a atracción é recíproca. Que se lle vai facer! E como non sempre é recíproca, cómpre saber ler entre liñas se a nosa proximidade resulta agradábel á persoa que temos diante. Como se sabe isto? Observando talvez? Preguntándoo directamente? Calquera das opcións poderían servirnos para saber se seremos, ou non, ben recibidos/as nese espazo privado. Preguntalo ás bravas, evidentemente, é ben máis burdo, mais servirá para os/as máis torpes, hai que dicilo todo. O caso é non resultarmos desagradábeis e caer en actitudes bochornosas, como importunar á outra persoa, de xeito que poida sentirse asediada.

En definitiva, e isto vai dirixido principalmente aos homes, que cando unha muller di que non quere é que non quere. Non hai nada máis que discutir. Calquera tipo de insistencia, raia na falta de respecto e consideración pola decisión que foi comunicada ben cun simple aceno de desagrado, ben cun “non” explícito, pronunciado coa maior amabilidade posíbel, tendo claro que esa amabilidad non é sinónimo de “ambigüidade”. Daquela, cando se fala de “invasión” do espazo persoal dunha muller, ten de entenderse que nos referimos a entrar nese ámbito que se precisa para respirar comodamente e que só pode ser traspado cun consentemento previo. Daquela, intentar rozar a boca dunha moza todo o tempo, como quen non quere a cousa, poñer as mans no seu van, ao despiste, pegárselle aos peitos e facelo sabendo que xa deixou claro que non quere esta proximidade, non é seducir. Nin sequera a súa versión vulgar, ligotear. Iso é, literalmente, ser un baboso. Así de claro.

Te puede interesar