Opinión

GAMONEDA

O poeta de provincias -tal nome lle puxeron as elites literarias españolas- reivindica este título ben orgulloso, malia o recoñecemento da crítica sisuda e dun público tanto tempo distraído pola publicidade que todo o confunde. Moitos anos pasaron xa dende o primeiro libro de poemas ?'Sublevación inmóvil' (1953-1959)- publicado en 1960 e premiado co Adonais de poesía. No entanto, a pesar dos pesares, o príncipe negro ? como di Ferrín- rise da propia estampa, alleo á rexouba literaria e o lene esmorecer dese fatal murmurio que, moi pouco a pouco e polo baixo, decide que cómpre santificar.


A día de hoxe, sábese que Gamoneda é un mestre, un artista do frío que pode describir a mentira e remexelo todo dentro de nós. Faino cunha contundencia suave e sabe agarrotar. Despréndese de calquera finximento. Isto é conciencia da militancia poética, feito estético que escolle voces determinadas cunha actitude política moi precisa: a boa disposición para unha soidade habitábel que permita pór o ollo alí onde o poeta o quixer e traernos algo desa efémera impresión de verdade por el percibida.


Así que Gamoneda relata esencias, transcribe as fendas da violenta existencia neste mundo de barbarie capitalista. Faino así, por exemplo: 'Vi la serenidad en los ojos de las reses destinadas a los cuchillos/ industriales y los caballos inmóviles en la tristeza;/ después, la cal, su luz en los ancianos, y grandes grietas habitadas por lamentos'. E desborda. É esa capacidade de provocar estrañamento coas palabras a que atrae, é a sutileza do coitelo, o xeito de atordarnos coa súa pobreza espida, case invisíbel. O retrato da brétema. O alento das fábricas, a presencia constante 'de sombras en la nieve'. E ardemos con el de frío e angustia. Son cousas de Gamoneda, cuxas únicas paixóns, ademais da poesía, parecen ser a pobreza e a chuvia. Daquela, que mellor lugar para darlle o noso recoñecemento que a Galiza, sitio de chuvieiras e, tristemente, tamén de pobreza política.


Aquí, neste lado do mundo, vai moito frío, tanto ou máis que no fermoso libro dese gran poeta de provincias, o príncipe negro.

Te puede interesar