Opinión

INDIGNADAS

Seguimos con atención o movemento 15 M e preguntámonos se 'pasou á historia' a súa presenza constante nos medios de comunicación, se existen síntomas de desgaste. Se agoniza. E, lamentabelmente para a cidadanía, isto é o que acontece. O movemento foi perdendo forza na capital galega.


Despois de expulsaren con determinación imprudente a colectivos feministas que berraban na contra da Igrexa e de xeraren desánimo con ese 'apoliticismo abstracto' nos colectivos de esquerda máis organizados, non permanecen, no Obradoiro, nin cen persoas. Daquela, cómpre expresar a nosa decepción pola credulidade infantil dos/das manifestantes que perseveran no erro de se xuntaren, unidos/as únicamente polo sentimento, lóxico, de desprezo pola clase política, falando pois de 'tolerancia' -que palabra máis prostituída!- e definíndose como movemento unicamente social.


Parece que ignoran aquilo de que a revolución non vai ser televisada, que se extinguirá de non existir unha organización seria e obxectivos claros. Parece e así é, na medida en que se observa nos/nas acampados/as un fondo descoñecemento do que é a política real. Eis, probabelmente, a razón que os induciu a infravalorar, con temeridade absurda, a necesidade da presenza dos colectivos feministas estruturados. Ignoran, polo que se ve, que, sen mulleres concienciadas, sen o seu apoio, ningunha revolución ética se producirá na sociedade.


Daquela, temeridade, desorganización e falta de previsión é o que, tristemente, se pode ver nesa praza que, visto o visto, foi politizada inconscientemente? Curioso isto de atribuír á espontaneidade un poder que está destinado a esmorecer. Curioso, mais obviamente determinado pola ausencia de formación política no ensino que, malia a aceptar o sistema financieiro -eis o Plan Boloña- se pretende apolítico, apartidario, isto é, neutral. Ao noso entender, amorfo, anormal e partidario daquilo que asume: o mercado.


A mentira, xa que logo, está a ser televisada día tras día, fornecendo a cousificación das persoas. O descoñecemento interesa na medida en que interesa a submisión. A das mulleres é a de raíces máis fondas, por iso estamos indignadas cos indignados.

Te puede interesar